O Club Ciclista Padronés celebra 70 anos de traballo e de "deixar a pel" polo equipo

O Club Ciclista Padronés en 1956, o ano da súa fundación, cando tiña o nome de Club Peña Bernárdez. (Foto: Padronés)
O Club Ciclista Padronés empezou esta sexta feira a tempada do seu 70 aniversario, coa participación no Memorial Sanroma de Almagro. O equipo de Padrón (O Sar) volve a competir tras cinco meses de pausa. 

O Padronés Cortizo empezou esta sexta feira a tempada do seu 70 aniversario co Memorial Sanroma de Almagro. O equipo de Padrón (O Sar) regresa ás competicións tras cinco meses de pausa. A entidade celebra con este arranque 70 anos de historia que marcaron unha importante parte do ciclismo galego. O presidente do club, Tanis Vázquez, sinala a Nós Diario que "o ciclismo é o deporte de Padrón" e que significa moito para eles ser "o único equipo de Padrón que ten no nome do club, o da localidade".

Para Vázquez esta última etapa é "sen dúbida das mellores", asegura que levan "catro ou cinco anos moi bos, pero, en xeral, o club nestes 70 anos conseguiu plantar a semente do ciclismo en Padrón", e ten claro que isto é a recompensa do "traballo de tantos anos de facer afección, canteira. Non só é a canteira de ciclistas, senón tamén a canteira de seareiros, de directivos, de colaboradores", sinala.

O presidente explica a historia do club e a profundidade do ciclismo en Padrón: "Nós somos Club Ciclista Padronés desde o ano 1971", pero naceron "en 1956, como Peña Bernárdez", subliña. "Bernárdez era un ciclista que naceu en Santiago, pero creceu en Padrón, logo foi profesional en Euskadi onde logrou quedar cuarto nun Campionato do Mundo en Suíza, en Berna", explica Vázquez. Isto foi moi importante porque "cando el fixo o cuarto posto", o club non alcanzara "nada parecido", asegura o presidente do club. Por iso chamouse nun principio así a entidade, porque, como asegura Tanis Vázquez, "naceu apoiando Bernárdez". 

Ao respecto da súa historia, o presidente padronés fai énfase especial nas distintas carreiras e competicións que foi creando o club en colaboración con outras entidades. Vázquez explica que "a carreira de Pascua, que era máis importante, xa ten 60 anos; moitos Campionatos galegos, Campionatos de España. No ano 1963 xa se fixo un campionato estatal en Padrón que gañou Jorge Carril, e máis edicións destas competicións que foron celebrándose en Padrón", explica o presidente do club. Tamén considera que para que isto pasara foi crucial "o traballo duro, pero tamén a constancia", subliña Vázquez. O padronés asegura que durante estes setenta anos "todos os membros importantes do club deixaron a pel pola entidade". 

Para esta tempada de aniversario o presidente do club relata as distintas competicións que disputarán: "O próximo día 7 de marzo, a Copa de España e logo, o 12 de abril, a Carreira de Pascua, que cambia de categoría". Esta mudanza é moi importante para o club porque pasa a ser considerada de 14.2 no calendario internacional. Isto significa que ademais de outorgar máis puntos na táboa de clasificación, a competición acollerá participantes de moitos lugares da península e tamén equipos doutros Estados. Outra das características destas carreiras é que nelas participan á vez 10 ciclistas afeccionados, con até un máximo de 25 equipos profesionais. É a primeira tempada que na Galiza hai algunha carreira desta categoría, e para Vázquez significa moito porque "sirve de escaparate para que os rapaces poidan ser profesionais e os vexan os directores deportivos".

O presidente Tanis Vázquez eloxia a "canteira padronesa"

O presidente da entidade padronesa considera que teñen unha das mellores canteiras a nivel estatal actualmente, e repasa algúns dos mellores atletas que saíron do club: "Nestes últimos anos andaremos nuns 30 ciclistas que pasaron a profesional: Suso Blanco, Oliveira, Vidal, e moitos máis". Ademais recorda os ciclistas que cambiaron de equipo, como Martín Rey e Tomás Pombo, sen debutar co Padronés.