A PREVIA | O Celta visita o Bernabéu motivado para engancharse ao soño europeo

Borja Iglesias loitando un balón con Ceballos no partido de Copa que se disputou no Bernabéu. (Foto: AFP7 / Europa Press)
Na máxima categoría, o Celta ten este domingo unha cita co Real Madrid. As peñas celestes quéixanse polo prezo das entradas. 

Cando faltan cinco xornadas para rematar a liga estatal en Primeira e Segunda División, as aspiracións dos equipos galegos están cada vez máis definidas pola súa situación na clasificación. Na máxima categoría, o Celta ten este domingo ante o Real Madrid (Santiago Bernabéu, 14 horas) a posibilidade de conseguir dous obxectivos ao mesmo tempo: manterse en prazas europeas e gañar ao rival que o eliminou da Copa cunha prórroga (5-2) contando cos erros arbitrais. 

No club celeste respírase optimismo tras a goleada ante o Vilarreal (3-0), unha vitoria non menor ante un conxunto que tamén está en postos continentais. O conxunto de Claudio Giráldez chega coa importante baixa de Carl Starfelt por unha lesión que lle impedirá rematar esta tempada. O sueco sempre contou para o porriñés para resolver, xunto a Marcos Alonso, a defensa da portaría galega. Ademais, poderá dispor de Iago Aspas que non puido xogar contra os brancos aínda esta tempada por lesión ou sanción. 

Pola contra, o Real Madrid perdeu en poucos días a posibilidade de conseguir dous trofeos importantes, a Champions e a Copa, e mesmo está a cuestionarse a continuidade do seu adestrador, Carlo Ancelotti tras a última derrota ante o Barcelona. Ademais chega sen os lesionados Militão, Rüdiger, Encomia, Mendy e Carvajal mais recuperando a Bellingham, a quen os comités arbitrais retiraron a tarxeta vermella que viu ao concluír a final de Copa. 

Como noutros partidos, o entidade deportiva que preside Florentino Pérez tentará facer caixa coa afección visitante. A peña Morriña Celeste, a máis numerosa de Madrid, denunciou nas redes sociais esta semana que o Real Madrid segue sen adherirse ao pacto da Bancada Visitante que teñen a gran maioría de clubs polo que o prezo das entradas é de 30 euros. Por este motivo, para a afección galega as entradas teñen, nesta ocasión, un custo de 75 euros. 

Zona media e descenso

En Segunda, o Deportivo navega pola zona media da clasificación despois da derrota da fin de semana pasada ante o Rácing de Santander (2-1). Precisamente deste partido falou onte, na previa, Óscar Gilsanz. "Creo que se viu un equipo cunha mentalidade forte, que a pesar de ter o marcador en contra tratou por todos medios de empatar e dificultar ao rival na súa casa", opinou o de Betanzos. Agora recibe ao Albacete este domingo (Riazor, 21 horas).

“É un equipo moi equilibrado que ten un 4-2-3-1 moi identificable no que xunta moi ben as liñas”, opinou Gilsanz. O galego non deixou de eloxiar un rival que, entende, “está a facer unha gran campaña”. Sobre a posición do seu equipo, aclarou que “os 50 puntos non é unha barreira definitiva e hai que seguir competindo, os obxectivos seguen sendo achegarse máis arriba e afastarse de abaixo”.

Quen xa ten o seu futuro claro é o Rácing de Ferrol que na anterior xornada quedou matematicamente descendido ao perder contra o Almería (2-1). Porén, a competición segue e mañá recibirán a visita do Zaragoza (A Malata, 16.15 horas), un equipo con necesidade de puntos para non seguir o camiño do conxunto verde.

O club ferrolán, á espera este sábado da comparecencia do seu técnico, o asturiano Alejandro Menéndez, recibiu onte o apoio de patrocinadores que anunciaron que seguen confiando en volver á categoría, unha mensaxe que non deixou de enviar o club os últimos días a través das súa redes sociais.