O Celta viaxa a Braga sen Aspas, que alarga a listaxe de baixas
O RC Celta xoga este sábado ás 21 horas o seu segundo partido amigábel da pretempada, unha cita que o leva a enfrontarse co Sporting Clube de Braga. Para este encontro, que se disputará no Estádio Municipal de Braga, o adestrador celeste, Claudio Giráldez convocou 24 xogadores para este partido, no que tentará sacar o mal sabor de boca que deixaron os vigueses no encontro ante o Famalicao, que perderon 0-2.
Na convocatoria ofrecida esta sexta feira polo club hai unha ausencia destacada, a de Iago Aspas, que pasa a engrosar o parte médico do Celta. O capitán do Celta apareceu esta sexta entre os lesionados do cadro que dirixe Claudio Giráldez, no seu caso, por unha sobrecarga no xemelgo sufrida no adestramento na Cidade Deportiva Afouteza. Especifícase que deberá realizar actividade limitada.
O de Moaña súmase así a Javi Rueda, na recta final da recuperación dunha rotura fibrilar no recto anterior dereito. Ademais, Joseph Aidoo sofre molestias no xemelgo e Franco Cervi, segue a recuperarse dunha rotura de grao I no sóleo dereito.
Ferran Jutglà apela a "manter a ilusión"
O catalán Ferran Jutglà foi presentado esta sexta como novo xogador do Celta nunha comparecencia de prensa na que estivo acompañado por Marco Garcés, director de Fútbol do club; e José Amoedo, conselleiro celeste. O dianteiro procedente do Bruxas belga falou da súa chegada a un equipo que afirmou que o acolleu "de marabilla" desde o primeiro día e tamén quixo destacar a gran unión existente no vestiario así como as ganas de traballar "moi duro para seguir crecendo".
Jutglà non se quere pór límites nun ano no que considera que "o máis importante será manter a ilusión e que toda a afección senta orgullosa de nós“. Sobre o seu xogo, afirmou que é "polivalente, podo xogar nas tres posicións de ataque. Non sabería dicir en cal máis cómodo, síntome ben de nove e nos extremos, non teño ningunha preferencia".