A PREVIA | O Celta recupera Iago Aspas para dobregar ao Betis nun Balaídos ao que volve Iker Losada
O Celta volverá hoxe ao estadio que lle serviu de talismán esta tempada para enfrontarse ao Betis (Balaídos, 14 horas). Porén, os últimos partidos racharon con esa imaxe de fortín e o seu técnico, Claudio Giráldez, ten claro que a continuidade na máxima categoría pasa por vencer ante a súa afección.
O porriñés, esta sexta feira na rolda de prensa previa, anunciou a volta do capitán, Iago Aspas, aínda que “non para xogar de inicio", pois "leva tempo parado”. Con todo, a boa nova é que a enfermaría coa excepción da baixa de Franco Cervi, lesionado en València, queda baleira.
En relación ás incorporación destes días, Giráldez considera que Iker Losada "será un xogador importante para a segunda volta”, ademais de lembrar que “é máis especial para el xogar en Balaídos e co Celta que enfrontarse aos que foron os seus compañeiros".
Sobre o rival, o técnico celeste considerou que o Betis é un dos equipos "máis completos da Liga”, en parte por terse “reforzado ben” mais tamén por “ter moito talento"; un dos "mellores equipos de Europa con Isco ou Lo Celso”, destacou.
Neste sentido, a proposta de Giráldez ante os andaluces será “estar moi agresivos e facerlles correr, quitarlles a pelota”, coa idea de que “se lla quitamos, estaremos máis perto de gañar o partido". Por último, Giráldez buscou o apoio de Balaídos para saír da actual posición na táboa de clasificación. "Necesitamos recuperar o mellor nivel, necesitamos o apoio da nosa afección”, incidiu, “sabemos no que fallamos e sabemos que temos que recuperar o mellor que fixemos”, agregou.
Gilsanz contará cos novos
Con respecto ao Dépor, esta sexta feira falou o seu adestrador, Óscar Gilsanz, na previa ao partido que terá mañá contra o Almería (Riazor, 18.30 horas). O betanceiro poderá contar por vez primeira coas incorporacións deste mercado de inverno -Diego Gómez, Zakaria Eddahchouri, Denis Genreau e Nemanja Tošić-, polo que deixou aberta a posibilidade de que “cada vez teñan máis minutos e acelerar ese proceso de adaptación”.
En relación ao rival, o técnico branquiazul recoñeceu que o Almería “fai moito dano cando corre” e é “moi perigoso en centros laterais”. Entre as virtudes do equipo andaluz, o técnico salientou que ten “xogadores de nivel moi alto e moi completo, capaz de levar a iniciativa e con xogadores de bagaxe e con proxección” polo que para sacar adiante o encontro de mañá agarda “ter a nosa mellor versión” no terreo de xogo.