O Celta goza en Europa

Imaxe: RC Celta

A equipa celtista clasífícase para dezaseisavos da Europa League ao derrotar o Panathinaikos en Atenas (0-2) cun Guidetti de altura.

O Celta continúa en Europa. Os celestes certificaron en Atenas o pase a dezaseisavos de final da Europa League derrotando un apático Panathinaikos (0-2) e sen nerviosismo algún polo que estaba a contecer en Liege, onde o Satandard xogábase o pase a costa do Celta fronte ao Ajax. “Resolvemos con autoridade un partido de moita tensión”, resumiu Berizzo o encontro unha vez que este rematou. A armada celeste celebrou o pase como unha confirmación de a onde pode chegar esta equipa cando cre en si propia.

O partido comezou intenso, cunha oportunidade no minuto 2 para os gregos que logrou desbaratar Rubén Blanco. Semellaba que o Panathinaikos ía dar un partido marcado por contúnias cargas do sétimo de cabaleiría contra a meta do gardamallas céltico. Mais non. Un minuto despois, Guidetti marcada de cabeza nun bo centro de Hugo Mallo e adiantaba o Celta cando o encontro apenas levaba 3 minutos. Guidetti xa atesoura 3 goles nos 5 últimos partidos.

Embora este comezo, o partido non decorreu polo camiño de intensidade e frenético que se podía pensar polo visto nos primeiros minutos. O Celta apostou en controlar a bola e o encontro, ondenándoo ao seu xeito. Non perdeu a cabeza en intentar meter un novo gol e rubricar o pase canto antes. O Panathinaikos, que deixou no banco os seus goleadores de referencia, Berg e Ibardo, non deu maiores preocupacións, agás no inicio da segunda parte. Non se xogaba nada neste encontro, non o xogou coa intensidade da que é quen mais tampouco o regalou.

Un penalti sobre Guidetti permitía Orellana marcar o segundo tanto para os celtistas. Nun frío estadio (apenas 5.0000 espectadores), o pequeno mais animoso feixe de seareiros galegos que se desprazaron Atenas para apoiar o Celta estoupaba de alegría. Misión cumprida e volta á Terra.

O Celta entra, pois, no bombo de dezaseisavos canda outras 31 equipas. Entre as que lle poden tocar como rivais, nomes coma o Tottenham, o Besiktas turco, a Roma, Shlake 04, o Fenerbahçe ou a Fiorentina, entre outros. Quen dixo medo?

Ficha técnica

PANATHINAIKOS (0): Still, Mesto, Moledo, Ivanov, Chouchoumis, M'Poku, Zeca, Ledo, Wakaso, Rinaldi (Ibarbo, min.59) e Villafáñez (Leto, min.69).

CELTA (2): Rubén Blanco, Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny, Radoja, Tucu Hernández, Wass (Marcelo Díaz, min.62), Orellana (Sisto, min.82), Bongonda e Guidetti (Sergi Gómez, min.90).

Goles: 0-1, Guidetti, min.3; 0-2, Orellana, min.76 (de penalti).

Árbitro: Andris Treimanis (Letonia). Amonestou Lod e Wakaso (Panathinaikos).

Campo: Apostolos Nikolaidis (uns 5.000 espectadores).