Sergio caza un penalti e decide o derbi

sergio

Un derbi intenso, non con grande futebol, mais si con moita disputa e electricidade, e con alternativas no taboleiro de marcas. Decidiuno un penalti. Decidiuno un porteiro. De Catoira. Sergio. Detivo no minuto 89 un penalti ao bosnio Medunjanin.

 

Foi un partido de protagonistas. Nolito. Hiper-activo e desequilibrante no primeiro acto do xogo. Abriu a billa no minuto 4, nunha acción marca da casa, pleno de electricidade. Cuenca. Talento de Can Barça agora ao servizo da causa branca e azul. Transformou un atinado servizo de Juanfran desde a dereita para, no minuto 54, caracolear na cova da área celeste e, cun sutil toque do seu pé dereito, colocar a bola na portería viguesa. E Larrivey, combativo como sempre, quen sobrevoou a área do combo coruñés, sempre tan inocente nas xogadas a balón parado, para tornar un córner botado por Nolito no 2-1. Era o minuto 71 e xa non se voltaría a mover o taboleiro de marcas.

Mais a acción decisiva chegaría nos estertores do xogo. Minuto 89. Penalti após incursión de Cavaleiro, faiscante como sempre, e con desparpaxo para sementar o terror na zaga rival. O internacional portugués que se fai coa bola e que a quer pousar no ponto da máxima penalidade. O bosnio Medunjanin que se dirixe cara á el. O bosnio ten fixación polos penaltis. O bosnio que se apropria da bola. É o momento do xogo. Do partido. E aí aparece Sergio, 28 anos, o gardamallas de Catoira, o seu primeiro derbi. E caza o penalti. Despexa a bola. E aí acaba todo.

Disputa frenética

Foi un derbi intenso, de moita disputa, por veces frenético, sen marxe para o academicismo, con moita pelexa. O Celta tirou proveito da súa condición de equipa máis conxuntada e máis afeita á categoría. Tirou proveito tamén do estado de graza de Nolito e da astucia de Orellana. E talvez tirou tamén proveito da ausencia de JuanDo. Sen el o Deportivo ten moito menos futebol combinativo, está moito máis á mercé do rival.

Como acostuma acontecer nestes xogos, decidiron os detalles. E os detalles foron case todo celestes. O apampamento coruñés dos primeiros minutos (non é normal que nun derbi che fagan un gol no minuto 3 de xogo, faltou concentración na zaga e talvez Lux puido facer algo máis perante o disparo de Nolito). As xogadas a balón parado, un mal endémico do Deportivo. E, para concluír, o lance heroico de Sergio, un deses momentos que marca a carreira dun futbolista, unha acción que decide un derbi.

Como acostuma acontecer nestes xogos, decidiron os detalles. E os detalles foron case todo celestes

Gaña o Celta e suma xa 9 pontos en 5 partidos. Cae o Deportivo, mais cae con dignidade, recompondo a figura após a desfeita de Riazor face o Real Madrid. Suma 4 pontos e, desde logo, o domingo non pode fallar na casa perante o Almería.

Un bon derbi. Isto está comezando. E promete.

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Planas, Radoja, Krohn-Dehli (Sergi Gómez, min.89), Álex López  (Augusto, min.66), Orellana, Nolito (Jonny, min.82) e Larrivey
 
Deportivo: Lux, Laure (José Rodríguez, min.77), Lopo, Sidnei, Luisinho, Bergantiños, Mendunjanin, Cuenca (Cavaleiro, min.69), Fariña (Toché, min.84), Juanfran e Postiga
 
Goles: 1-0, min.3: Nolito; 1-1, min.54: Cuenca; 2-1, min.71: Larrivey
 
Árbitro: Del Cerro Grande, do comité madrileño. Amonestou a Fontás, Luisinho, Orellana, Laure, Sidnei
 
Campo: Estadio de Balaídos, 23.903 espectadores