Entrevista

Carlos Canal, a representación galega na Volta a España: "O equipo non chega cun líder claro, veremos como se desenvolve a carreira"

O limiao Carlos Canal posando para 'Nós Diario' en Italia. (Foto: Movistar Team)
Carlos Canal (Xinzo de Limia, 2001) será o único representante galego na Volta a España de 2025, que comeza este sábado en Italia, con saída en Torino e chegada a Valdengo, e que nesta edición volverá atravesar Galiza. Nós Diario repasa con el o seu salto á elite e as sensacións coas que afronta a súa cuarta participación nesta proba.

—Comezou con outro modelo de bicicleta e noutro tipo de probas, ciclocrós e bicicleta de montaña. Como deu ese salto ao ciclismo de estrada de alta competición?
A verdade é que foi un paso que realmente naquel momento non esperaba dar, que me xurdiu. Ofrecéronme pasar ao ciclismo profesional de estrada e eu quería probar cousas novas. Tiña a idea de ver se era capaz de desenvolverme neste terreo; saíu ben, por fortuna, e aquí estou, outra tempada máis. 

—Foi duro para un ciclista que partía da base realizar ese cambio no seu momento?
Desde logo. Digamos que é o ciclismo puro e duro, onde máis nivel hai. Ademais, hai que sumarlle uns orzamentos máis elevados, polo que tamén hai máis exixencia e máis risco. Estás no cumio do ciclismo, onde realmente están os mellores do mundo. Para min é un soño cumprido, mais tamén un estímulo para medrar e, sobre todo, unha motivación.

—Debutou na Volta a España en 2021, polo que a deste ano será xa a súa cuarta participación. Como preparou a competición nesta ocasión?
Desde que comezou o ano eu xa sabía que participaría e enfoquei a preparación en chegar aquí o mellor posíbel. Agora mesmo creo que estou nun momento bo da tempada e só me queda demostralo nas estradas. Foron uns meses moi intensos, coa cabeza posta ao 100% no ciclismo, rodeado do equipo. A nivel de adestramentos, entras nunha rutina de rodar cos demais, descansar, comer ben e coidarte. Miras cada detalle para melloralo e chegar a esta cita nunhas condicións óptimas.

—Nótase o feito de ter que estar, durante as competicións, moi lonxe da familia e das amizades? 
Si, claro. Ao final, estar lonxe da casa é algo que sempre dá un pouquiño de mágoa, de tristeza. Éche o que hai, forma parte do ciclismo e asúmelo. 

—Cal será o seu papel dentro do Movistar Team nesta Volta que comeza hoxe? 
Non chegamos cun líder claro, polo que hai que buscar triunfos parciais, xornada a xornada. Veremos como se desenvolve a carreira e a clasificación xeral. Mais a idea é que sexamos un equipo combativo, que loite cada día por tentar buscar bos resultados, tanto a nivel persoal como de equipo.

—Vostede é un ciclista rodador e nesta Volta hai máis etapas de montaña que de terreo chairo. Como enfoca esta circunstancia?
As etapas de media montaña son capaz de pasalas bastante ben e tentar chegar en grupos reducidos. Por este motivo, hai que enfocalas en loitar por estar adiante, verme sempre o mellor posíbel na carreira. Nesas etapas a idea é, sobre todo, buscar eses ‘sprint’ máis reducidos, esas oportunidades de fuga nas que podes intentar facer un bo resultado ao final.

—Nesta edición a Volta comeza en Italia. Que opinión lle merece esta evolución da propia competición, saíndo cara a outros territorios alén do Estado español? 
Faise cada vez máis, e os ciclistas estámonos adaptando. Creo que está ben que se abran as fronteiras para ampliar terreo. Xa fomos aos Países Baixos, a Andorra e tamén a Portugal. Nos tempos actuais é moi doado viaxar, mesmo chegas antes en avión a determinados lugares que se o desprazamento ten lugar a bordo dun autobús.

—E nesta edición a Volta pasará de novo pola Galiza. Que supón para vostede correr na casa?
Outro soño cumprido. Poder correr na casa é moi ilusionante, dándoo todo. Poder competir alí [na Galiza] emocióname moito. Intentar facelo ben alí vai ser unha motivación extra. 

—Chega a Volta nun momento delicado, coa peor vaga de incendios da historia e decenas de miles de hectáreas queimadas no país. Nunha das etapas mesmo pasará por zonas que padeceron estes lumes. Para un ciclista que sempre está en contacto coa natureza, que se lle pasa pola cabeza cando ten que correr con este panorama ao seu redor?
A verdade é que é unha situación moi dura. Estiven nestes últimos días na casa e puiden ver como se encontra todo. É unha verdadeira mágoa que me parte o corazón ver todo tinxido de negro. Con todo, agardemos que a Volta, co seu paso polas zonas afectadas como é o caso de Valdeorras, teña o efecto de concienciar. Sobre todo, que provoque que este tipo de desgrazas non volvan suceder.

—Que virá despois da Volta?
Despois temos un obxectivo moi bonito, que é participar no Mundial coa selección. Se as pernas responden poderemos estar alí.

Os incendios e Israel, protagonistas da Volta

Dous elementos extradeportivos serán protagonistas nesta nova edición da Volta a España: a polémica participación dun equipo israelí na proba, o Israel-Premier Tech (IPT), e os lumes que agora mesmo están a asolar o país e boa parte do Estado.

No primeiro caso, despois de que o director da proba, Javier Guillén, asegurara a Mundo Deportivo que o IPT "está na carreira por dereito propio", varios colectivos están valorando protestas ante o xenocidio na Faixa de Gaza e o anuncio da toma da súa capital polo Exército israelí.

No segundo está o trazado dalgunhas etapas que pasan por zonas nas que houbo, ou hai agora mesmo, incendios. É o caso da etapa 15, que decorrerá o 7 de setembro entrando na Galiza pola Veiga e rematando en Monforte de Lemos ou a derradeira, a 17,  que terá lugar o 10 de setembro con inicio no municipio do Barco de Valdeorras e remate no Bierzo.