Carlos Arévalo e Pablo Graña estarán nas finais do Campionato de Europa de Sprint

Estefanía Fernández (Fluvial de Lugo), Lucía Val (CP Rías Baixas), Sara Ouzande e Bárbara Pardo na República Checa. (Foto: RFEP)
Bo inicio para o piragüismo galego na República Checa. Haberá finalistas en caiac, canoa e paracanoe.

O piragüismo galego entrou esta quinta feira con bo pé no o Campionato de Europa de Sprint e Paracanoe 2025 que se está realizar municipio checo de Račice. 

O betanceiro Carlos Arévalo López (CF de Lugo) saíu adiante nas dúas probas de caiac nas que participaba. A primeira foi a de K1 200 metros na que quedou terceiro cun tempo de 34.6 por tras do húngaro Kolos Csizmadia e o serbio Strabinja Dragosavljevic  polo que estará na final que decorrerá o domingo ás 10.46 horas. 

A segunda foi a de K4 500 metros, xunto a Adrián del Río, Marcus Cooper e Álex Graneri, cun terceiro posto e un tempo de 1:19.9 por tras de alemáns e húngaros que lles permitirá loitar por medalla na final mañá ás 12.05 horas.Non tivo a mesma sorte Manuel Fontán (O Muíño) que quedou eliminado ao quedar cuarto en C1 500 cun tempo de 1:54.5.

Na categoría feminina, a estremeña Estefanía Fernández (Fluvial de Lugo) en K4 500 metros feminino, xunto ás asturianas Lucía Val (CP Rías Baixas) e Sara Ouzande máis a valenciana Bárbara Pardo quedaron segundas, cun tempo total ao rematar de 1:33.0. 

Non foi posíbel en K2 500, onde Estefanía Fernández e Begoña Lazkano finalizaron cuartas cun tempo de 1:43.9.

Canoa

En C1 200, Pablo Graña tamén conseguiu pasar, ficando, ademais, primeiro nesta distancia cun tempo de 39.2. Mentres, en C2 500 tamén quedaron primeiros Adrián Sieiro e Daniel Grijalba, cun crono final en meta de 1:41.5. 

Paracanoe

En Paracanoe VLC 200, Adrián Mosquera entrou na meta en segundo lugar, cun tempo de 48.1 tras o británico Stuard Wood, que fixo unha marca de 47.3.

En Račice tamén se clasificou Araceli Menduiña (CM Ría de Aldán-Gandón) despois de quedar segunda en KL3 cun crono de 48.6. Pola contra, caeu eliminado Nicolás Martínez que foi cuarto en KL3 após facer un tempo de 45.2.