Raúl Blanco, campión de España

“O biatlón é un deporte minoritario porque non hai quen lle dea visibilidade”

Raúl Blanco, campión de España de Biatlón 2017

Raúl Blanco Vila (1996, Lugo) adestra seis horas diarias no clube Terras de Lugo e vén de se proclamar campión de España de Biatlón, en Xixón. Adestrado por Javier García Morado, conquistou dous ouros e conversou con Sermos após do seu logro.  

-Como te sentiche após te proclamares campión de España de Biatlón, en Xixón?

 

-Quedar primeiro en calquera competición sempre é unha boa noticia e unha alegría. A verdade é que me sentín moi ben comigo mesmo, porque vin como o meu traballo diario e o meu esforzo obtiveron recompensa.

 

-Como afectou a baixa de última hora de dous compañeiros?

 

-Obviamente foi unha pena que non puidesen competir, pero a nivel individual non afecta. Cada un de nós vai competir na categoría que lle corresponde, estamos concentrados.

 

-Remataches o primeiro sector [carreira a pé] en quinta posición, como te atopabas neses primeiros mil cincocentos metros?

 

-Sentinme moi cómodo en toda a competición porque ía ben preparado, amais sempre é bon ir de menos a máis.

 

-Comezaches o segundo segmento nesa quinta posición e saíches en primeiro lugar. Que pasou? Cal foi o segredo da remontada?

 

-A verdade é que tiña preparada unha estratexia a seguir. Ía mentalizado en como desenvolverme en cada un dos sectores. Primeiramente, comezaría suave na proba dos primeiros mil cincocentos metros, gardando forzas para o tramo final. En natación entrei forte e xa continuei co mesmo ritmo até o final.

 

-Canto tempo dedicas ao día a túa preparación física?

 

-Máis ou menos seis horas ao día de segunda feira a domingo, cando non hai competición na fin de semana. Cando teño competición, adestro de segunda feira a sábado e o domingo é día de descanso. 

 

-Cando se fala de biatlón a xente dubida sobre que disciplinas o conforman, que che di isto?

 

-O biatlón é un deporte minoritario. Cando se fala de atletismo ou mesmo de tríatlon, a xente coñece, pero non se trata só de coñecer, tamén é o feito de participar. As competicións de biatlón non conta con patrocinadores, a diferenza do que ocorre co atletismo e o tríatlon, penso que é algo que debería cambiar. É un deporte moi bonito, pero se non hai quen lle dea visibilidade, a xente seguirá sen saber en que consiste e, portanto, non poderá ser partícipe.

 

-En xeral, Terras de Lugo obtivo moi bos resultados neste campionato, resaltas algún amais do teu?

 

-Destaco todos. Cada logro meu e das miñas compañeiras e dos meus compañeiros é importante para o clube.