O Baxi Ferrol segue facendo historia e vence o Sassari por 19 puntos na ida dos cuartos da Copa Europea
O Baxi Uni Ferrol xa hai tempo que demostrou que non está de paso na Copa Europea de baloncesto e que quere aproveitar esta oportunidade, e así o volveu demostrar esta quinta feira en Sardeña (Italia), impóndose con solvencia ao Dinamo Sassari (76-95) no partido de ida dos cuartos de final.
As de Lino López chegaron con desvantaxe ao descanso, perdendo por 38 a 34 ante o empurre das locais, penúltimas na Serie A italiana pero asinando tamén unha brillante actuación na competición continental. Mais a soberbia actuación de Noa Morro, que rematou o encontro con 22 puntos en apenas 17 minutos de xogo, impulsou as ferrolás até conseguiren dar a volta ao marcador.
O Uni Ferrol rematou o terceiro cuarto empatando co Sassari a 57 e foi no derradeiro cando acabaron de consumar a remontada. Nada menos que 38 puntos anotaron as galegas, por volta de 19 das italianas, nun parcial para a historia que lles deu a vitoria final por 76 a 95.
O partido de volta disputarase no pavillón da Malata a vindeira quinta feira, día 27, ás 20 horas, e as de López confían en certificar o pase a semifinais.