O Baxi Ferrol aférrase á épica para gañar no "inferno turco" e seguir soñando
As xogadoras e o corpo técnico do Baxi Uni Ferrol chegaron na segunda feira a Istambul para preparar o decisivo partido desta cuarta feira (18 horas) ante un dos grandes equipos do baloncesto turco, o Galatasaray, que ademais de liderar este grupo da Eurocup vai tamén en cabeza na súa Liga. As locais chegan a este cuarto choque da fase de grupos do torneo continental sen coñecer a derrota, cun parcial de 3-0 que as mantén líderes en solitario.
Na súa visita a Ferrol no partido de ida, o Galatasaray impúxose cun 66-83 final que non fixo xustiza á realidade do partido, co marcador estivo moi igualado até o último cuarto, no que si sucumbiron as ferrolás ao dominio turco. A experiencia europea do Uni Ferrol emociona a cidade e tamén as propias xogadoras, ás que lles exixe ademais un esforzo extra para combinar a presenza en dúas competicións, Liga e Eurocup. As ferrolás chegan ao partido logo de gañar na prórroga o pasado domingo ante o Jairis a domicilio na competición doméstica.
“O equipo chega ben, cun extra de enerxía despois da gran vitoria do domingo. A viaxe foi longa, pero temos moitas ganas de competir contra un grande equipo como o Galatasaray”, afirma Blanca Millán, xogadora compostelá do Baxi Ferrol, en conversa con Nós Diario. “Agardamos un nivel moi alto. Xa o ensinaron cando xogamos en Ferrol ao final do partido, e agora quererán facelo ante a súa afección e durante todo o encontro. Sabemos que vai ser un partido moi físico, pero estamos preparadas”, augura Millán. Do cadro de xogadoras do Galatasaray destaca que hai moita calidade en todas as posicións: “Julie Van Loo, Park, Fraser… pero o resto teñen claro o seu rol e fano á perfección. Teremos que estar atentas a todas as xogadoras e non deixar que fagan o xogo que pretenden. Evitar que tiren de 3, estar rápidas nas transicións e facer unhas boas defensas en 1x1 será chave”.
Istambul é sen dúbida unha das capitais do baloncesto europeo. As ferrolás vivirán unha experiencia na que ademais van “representar o baloncesto feminino galego nunha competición europea”, salienta Millán. “Imos demostrar que un equipo modesto coma o Uni Ferrol pode estar competindo fronte a grandes equipos coma o Galatasaray”, acrecenta.
O Baxi Ferrol enfronta este ano a dureza dun calendario no que combina a presenza en Liga e Eurocup. A acumulación de partidos pode pasar factura no apartado físico. Por sorte, para este encontro Lino López contará con todas as súas xogadoras a excepción de Gala Mestres, que no partido da Malata ante o Clube União Sportiva (82-45) sufriu un golpe que non lle permitirá xogar en Turquía.
Blanca Millán admite que as xogadoras do Uni Ferrol chegan “con cansazo”. “Ambas as competicións son moi exixentes. O último partido de Liga gañámolo na prórroga ante o Jairis, un rival moi forte, e a isto hai que sumar as longas viaxes, as horas de espera nos aeroportos… Pero iso compensarémolo coa xuventude do equipo e, sobre todo, coa ilusión de poder gozar das dúas competicións. Isto para moitas de nós era un soño”, reitera.
O Baxi Ferrol chega nun momento doce, despois do plus de confianza de gañar, a domicilio, a un ‘coco’ da Liga coma o Jairis. “Temos confianza plena nos plans de Lino [López] e sabemos que debemos seguilo para que funcione. Tamén hai factores que nos poden desestabilizar, pero nós loitaremos e confiaremos con ese plus extra que, evidentemente, dan vitorias sufridas pero logradas coma a do domingo”, afirma a compostelá.
O pesadelo das lesións
A propia Blanca Millán volvía ante o Jairis dunha lesión e fíxoo converténdose na máxima anotadora do encontro. “No partido contra o Brno sufrín unha escordadura no xeonllo. O corpo médico, o fisio e o preparador físico preferiron ser prudentes porque queda moita Liga e, ogallá, moita competición europea. En todo caso, eu estou ben. Preparada para dar o máximo de min cando o adestrador o considere”, asegura. Aos seus 26 anos, a carreira deportiva de Millán acumula xa varias lesións de gravidade. “Sempre penso que non xogo con medo, pero é posíbel que no subconsciente poida quedar algo”, admite.
As lesións de xeonllo tivérona apartada durante longas tempadas da competición e exixíronlle, ademais, unha recuperación dura no físico pero tamén no mental. “Esas lesións cambiáronme. Son procesos físicos e mentais moi duros. O baloncesto é un deporte de equipo, no que coas compañeiras traballas para acadar un obxectivo. Mais na recuperación das lesións estás soa. Coa axuda de profesionais, familia… pero es ti quen pasas a dor, a impotencia, as dúbidas, a sensación de estar faltando ás compañeiras e ao club… Sufrir e pasalo case en soidade fai que non só haxa que traballar na recuperación física, senón tamén en non caer no apartado mental”, reflexiona esta xogadora que foi quen de volver ao máximo nivel despois de varias lesións de gravidade.
Ferrol volve gozar de Europa
A cidade dos estaleiros volve vibrar co baloncesto europeo tras anos de seca logo de que o OAR masculino gozara da súa propia andaina europea alá polos anos 80. Agora, o Uni devolve Ferrol á elite do baloncesto no continente e a afección ferrolá ás grandes citas deste deporte. “A afección de Ferrol é incríbel, o ambiente na Malata fainos medrar ao saír á cancha e só podemos darlles ás grazas e dicirlles que daremos todo de nós para que xuntas poidamos chegar o máis arriba posíbel e desfrutemos ao máximo destes momentos”, di Blanca Millán, enviando unha mensaxe, antes do partido, ás seareiras e seareiros.
Ferrol camiña por Europa con paso firme e a ilusión de chegar lonxe
O equipo ferrolán chega a esta cita cun balance dúas vitorias e unha derrota na fase de grupos da Eurocup. Colócase así segundo da clasificación deste Grupo J encabezado polo propio Galatasaray, que rexistra un pleno de vitorias.
A semana pasada o Baxi non só gañou en Liga ao Jairis, senón que tamén se impuxo na cuarta feira, na Eurocup, á União Sportiva dos Açores, ao que gañou con contundencia na Malata (82-45) grazas a unha soberbia actuación de Gala Mestres, que anotou 22 dos puntos das ferroláns ademais de recoller 7 rebotes e dar 5 asistencias para chegar aos 37 puntos de valoración. A súa ausencia no partido desta cuarta feira en Istambul é un duro golpe nos plans de Lino López.
Ante o KP Brno, a domicilio, as ferrolás tamén lograron o triunfo (59-73). Claire Melia, xogadora irlandesa do Baxi, e a propia Gala Mestres levaron o equipo á vitoria no desprazamento a terras checas.
A única derrota polo momento do equipo ferrolán chegou, precisamente, ante o Galatasaray na súa estrea nesta fase de grupos da Eurocup. As turcas non deron opción ningunha ao equipo local na Malata, que sucumbiu cun marcador final de 66-83 a pesar dos 15 puntos anotados tanto por Amira Collins como por Gala Mestres. O Baxi comezou gañando (26-17 no primeiro cuarto), mais un último período brutal das turcas (9-32) deixounas sen opcións. Agora, en Istambul, as de Lino López tratarán de xogar con solidez e poder asinar aquela vitoria que escapou, por moi pouco, na ida en Ferrol.