De la Barrera comeza o reto do ascenso

Rubén de la Barrera saúda o porteiro Edu Sousa nos vestiarios. (Foto: RC Deportivo)
Asina contrato e dirixe o seu primeiro adestramento co Deportivo.

Intenso Día das Letras Galegas para Rubén De la Barrera. A xornada non tivo nada de festiva para un home que asinou o seu contrato como novo preparador branquiazul pola mañá e apenas unhas horas máis tarde dirixía o seu primeiro adestramento desta segunda etapa á fronte do Real Club Deportivo da Coruña.

Pouco despois de que a escuadra herculina oficializara a súa fichaxe no serán da véspera do Día das Letras a través das redes sociais, De la Barrera empregou o seu perfil en Twitter para realizar, empregando o galego, toda unha declaración de intencións: "Con toda a enerxía e paixón. Polo noso escudo e pola nosa xente. Tentaremos acadar todo o que merecedes. Xogar, suar e competir para que sintades orgullo do que realmente sodes: o Real Club Deportivo da Coruña #ForzaDépor".

Xa na mañá desta cuarta feira, o ex de Guixuelo, Valladolid B, Cultural Leonesa e Albacete -co que ascendeu á categoría de prata precisamente ante o seu ex equipo en Riazor hai exactamente 11 meses- chegaba ás oficinas do conxunto branquiazul na Praza de Pontevedra para estampar a súa sinatura nun contrato que o vinculará co que xa fora o seu club no tramo final da tempada 2020/21 até o 30 de xuño de 2024.

Pero, ollo, só se consegue o ascenso no inminente play-off, pois ante a negativa da directiva do Deportivo de ofrecerlle un contrato de longa duración -dun mínimo de tres anos-, o adestrador coruñés esixiu incluír unha cláusula liberatoria que lle permitirá facer as maletas se así o desexa no caso de que o masculino branquiazul non consiga un boleto para regresar á Segunda na promoción.

Xa que logo, o futuro dun fillo pródigo que dirixiu o seu primeiro adestramento na tarde desta cuarta feira pasa, en primeiro lugar, por obter os tres puntos nun choque ante o Alxeciras que será tan cedo como o próximo sábado.

A pesar de que o play-off está practicamente atado, a posición na que os distintos equipos conclúan a fase regular determinará o "factor campo", é dicir, se xogarán o partido de volta ante o seu público, polo que cada un dos seis puntos en xogo poden resultar fundamentais.

Moito máis que un discurso difícil

"Interdependencia planos macro-meso-micro. Micros estremos referidos a comportamentos de impares (centrais saltan) + conducta do seu par (chegan a aproveitar a vantaxe en espazo pretendido, en base a como defende). Timmings e variábeis de desmarque. Micros PERMITEN e IMPIDEN". 

Este chío de De la Barrera analizando un fragmento de vídeo do Real Madrid-Manchester City da Liga de Campións de 2020 viralizouse  no seu momento polo complexo e intricado da súa linguaxe, pero a realidade é que o técnico coruñés está lonxe de ser un falabarato,  unha das acusacións máis recorrentes que recibia o seu predecesor no cargo, Óscar Cano.

 A pesar de que as súas estatísticas durante os 15 partidos que dirixiu o Deportivo na 2020/21 empeoran as do seu predecesor, conta co aval do ascenso logrado co Albacete precisamente en Riazor no play-off da 2021/22.

Baixo a súa dirección, o conxunto manchego recuperou o alcume do Queixo mecánico polo seu bo facer, destacando por un 4-2-3-1 como táctica e polo seu labor como motivador dos xogadores ao seu cargo.