TRASHORRAS, ÁLEX LóPEZ, SANTI MINA E BARRAGáN NON XOGARáN COA IRMANDIñA

Baixas de última hora na selección

As camisolas que lucirá a selección. FGF

Roberto Trashorras será baixa por lesión, mentres que Álex López non estará porque segue en competición co Sheffield Wednesday. Os xogadores do Valencia Santi Mina e Barragán están de xira co clube. Pape Cheikh foi o único convocado para cubrir as ausencias.

A lista da selección galega deberá ser modificada na xornada previa ao encontro frente a Venezuela. O colectivo nacional, adestrado por Fran e Michel Salgado, sofriu baixas de última hora no regreso da irmandiña aos terreos de xogos após unha década.

Como resposta ás baixas anunciouse a convocatoria de Pape Cheikh, mediocampista canteirán do Celta, quen o anunciou onte na súa conta de Twitter. Caeron da convocatoria: Álex López, quen xoga co seu actual clube, Sheffield Wednesday, a vindeira fin de semana a final da fase de ascenso a Premier Legue contra o Hull City en Wembley; Roberto Trashorras, por unha lesión; Santi Mina e Barragán, quenes se atopan nunha xira por Singapur e Malasia co Valencia C.F. Tamén é dúbida Roberto Lago, quen arrastra unha lesión dende as últimas xornadas de Liga.

Por outra banda, nos últimos días falouse da posibilidade de que Denis Suárez e Jonny Castro non estivesen presentes na cita de mañá, debido á súa convocatoria coa selección española nun grupo de 11 xogadores que entrenarán cos preseleccionados para a Eurocopa. Porén, os rumores foron desmentidos e, finalmente estarán en Riazor defendo as cores da irmandiña.

Quen non poderá estar será Insua. O arzuán e canteirán do R.C. Deportivo da Coruña segue disputando a liga co Leganés, na que optan ao ascenso e a pesar de estar sancionado para a xornada desta fin de semana, segundo as palabras do seleccionador, Fran González Pérez, na Radio Galega, o clube non o deixou acudir ao encontro. No lado oposto, Iago Falque foi liberado dos compromisos co seu clube, a Roma, que disputa un amigábel en Abu Dhabi.

Ante estes cambios, a convocatoria fica reducida a 17 xogadores, polo de agora e coa asistencia de Roberto Lago aínda no aire. O centro da defensa é a posición que queda máis mermada coa baixa de Barragán e a dúbida de Lago. No mediocampo, sen Trashorras nin Álex López, só estarían disponíbesi para esa posición Mosquera, Fran Rico e Juan Domínguez, xa que nun principio, Bergantiños foi seleccionado como opción para o centro da defensa. A convocatoria de Pape chega para compensar estas perdas. Os postos de ataque semellan ser os máis fortes con Denis e Falqué nas media puntas e Lucas Pérez e Iago Aspas comandando a ofensiva galega e con Joselu e Jota como alternativas.