14 anos da súa volta

Auxe e caída da selección galega de fútbol

Un ano máis, e van once, non se celebrará a gran festa do fútbol galego. En 2005 reparábase a anomalía histórica de que Galiza fose a única nación do Estado sen selección propia, pero o PP, nada máis chegar á Xunta en 2009, eliminaba unha cita que nunca sentiu como propia. Eis un estrato da peza publicada no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza.

Disque Óscar Wilde escribiu que “a lembranza é o diario que todos cargamos con nós”. Mais asinásea ou non o paladín do dandismo, a frase da pé a reflexionar sobre o paso do tempo.

Xa case pasaron 14 anos desde que a selección galega xogara o seu primeiro partido logo de 66 anos de ausencia, e a consulta da crónica do encontro nos xornais daquela época fai preguntarse o porqué da minorización do fútbol galego desde as institucións nesta case década e media que transcorreu.

Este 2019 os afeccionados seguirán, mais un ano, sen poder cantar os goles da Irmandiña pola inacción da Xunta de Galiza e a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), o que resulta especialmente doloroso tendo en conta que, probabelmente, Galiza conta coa mellor xeración de futbolistas de toda a súa historia.

Desde o ente federativo, dirixido polo ex presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán (PP), confirman a Sermos Galiza que un Nadal máis non haberá partido da selección, pero dan por bo “un regreso no ano 2020”.

O “problema” para a RFGF é orzamentario, explican, pois segundo eles o custo dos tres encontros organizados polo bipartito “movíase en cifras entre os 800.000 e o millón de euros”, mentres que o artellado baixo o Goberno de Feixoo en 2016 ante Venezuela foron “300.000”. “Aquelas cifras na actualidade non poden ser asumidas”, din, pese a que o orzamento da Secretaría Xeral para o Deporte chega en 2020 aos 25,3 millóns de euros. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]