Iago Aspas reivindica a selección galega: “Gustaríame que volvese”

Aspas durante o encontro Galiza-Venezuela, maio de 2016. Imaxe:RFGF

O xogador do Celta lembra a súa experiencia coa camiseta da Galiza fronte a Venezuela en Riazor: “Pareceume precioso”.

Iago Aspas foi o convidado do programa ‘Hoxe con Manquiña’ que emite a TVG e que presenta o actor Manuel Manquiña. O xogador do Celta fixo un repaso pola súa traxectoria futbolística, desde os seus inicios no Alondras até hoxe e reivindicou a selección galega. “Gustaríame que volvese”, confesou o de Moaña, que engadiu que o seu debut coa camisola da Galiza contra Venezuela “pareceume precioso”. Aquel partido foi o seu estreo coa absoluta pois, como el propio lembrou no programa, xa xogara na selección galega en categorías inferiores.

Houbo tempo tamén para falar do Deportivo, que esta semana xógase o seu ascenso a Primeira División. “Sempre dixen que eu quero que o Dépor estea con nós en Primeira, polo moito que representa para o fútbol galego e polo impacto económico positivo”, manifestou Aspas, engadindo que así volvería haber oportunidade de gozar de ‘O Noso Derbi’. O celtista, iso si, sobre un posíbel futuro no que o seu fillo quixese xogar no equipo coruñés mostrouse claro: “Iríamos os dous traballar á batea”.

O de Moaña cre que aínda lle quedan por diante varios anos de fútbol ao máximo nivel “e até que me retire, intentarei conseguilo [un título] co Celta”. Tamén manifestou que cando se retire como futbolista gostaría de continuar ligado a este deporte, “quer como adestrador quer como director deportivo”.

Lembrou que “a chamada da selección española é un premio ao traballo diario que fas co teu equipo”. Tamén confesou a Manquiña que Berizzo goi para el o mellor adestrador que tivo