Anticorrupción pede prisión incondicional para Villar por ter detraído por volta de 45 millóns

Villar

A trama de corrupción orquestrada polo presidente da Federación Española de Fútbol tería producido perdas patrimoniais ás arcas da entidade por un monto aproximado aos 45 millóns de euros.

A Fiscalía Anticorrupción solicita para o presidente da Federación española, o seu fillo Gorka e o vicepresidente da entidade, Juan Padrón, prisión sen fianza pola gravidade dos cargos que se lles imputa, o risco de fuga e a falta de explicacións convincentes oferecidas polos detidos durante os interrogatorios.

 

A trama orquestrouse arredor dos partidos da selección estatal de fútbol. A Federación contrataba servizos coa empresa do seu fillo, quen en apenas dous anos incrementou os seus beneficios en 250 por cento. Aliás, os Villar e Padrón criaron unha rede ilegal de revenda de entradas.

 

A cousa non ficou aí. Villar permitiu corruptelas a presidentes de federacións territoriais -cuxa identidade aínda non trascendeu- en troca dos seus votos nos procesos eleitoriais internos para así se perpetuar no cargo, que desempeña desde 1988.

 

Agora será o xuíz o que adopte a decisión de enviar ou non a prisión aos detidos, imputados por delitos de administración desleal, apropiación indebida, corrupción entre particulares e falsidade documental.