Ana Seabra: "Adestrar Irán é un desafío; xa estamos pensando no Mundial"

A adestradora do Atlético Guardés, Ana Seabra, na segunda xornada na casa ante o Granollers. (Foto: SportCoeco)
A Federación de Balonmán de Irán vén de anunciar a contratación da portuguesa Ana Seabra, adestradora do Mecalia Atlético Guardés, como nova técnica da súa selección feminina. O seu gran desafío será o Mundial que en decembro deste ano organizarán Alemaña e Países Baixos, mais este novo traballo non implicará a súa marcha do club miñoto.

—Como se concretou a súa chegada á selección nacional de Irán? 
Primeiro foi a chamada dun amigo que se interesou por saber se quería levar o equipo feminino iraniano. Despois foi o propio Rafael Guijosa, o técnico da selección masculina do país, quen se puxo en contacto comigo. Comentoume que tiña diante o meu currículo entre outros que lle pasaran e que estaría contento de poder traballar comigo.

Co inicio da guerra [entre Irán e Israel] a situación mudou moito e fixo que parase todo até que volveron contactar comigo en agosto para dicirme que se podía reactivar. Falamos e parecéronme moi positivas as condicións, os valores que querían transmitir e o investimento que farían para traballar co seu equipo feminino en todos os ámbitos.

—Cal é a idea que ten a Federación de Balonmán de Irán? 
Estaremos no Mundial este ano no mes de decembro e a idea é subir máis nas prazas do ránking asiático. Agora mesmo hai varias potencias importantes como son Corea, Xapón, a China e Kazakhstán. Para min adestrar Irán é un desafío. A proposta é que eu sexa a directora técnica de todas as seleccións e a adestradora da absoluta. 

—Que información ten para ir preparando este Mundial? 
Hai dous anos xa tiven un contacto para ir adestrar un equipo de Irán. Estes días mirei moitos partidos da selección e xa tiven varias reunións con Rafa [Guijosa] para pór en contexto a situación. A partir de agora, unha vez concretada a miña presenza, miraremos con máis calma todo. 

—Como compaxinará este novo traballo co seu posto no Guardés?
Con ganas e organización, da mesma maneira que fixen cando estiven de adestradora axudante coa selección de Paraguai. 

—Na Liga Guerreiras o Guardés comezou con dúas vitorias en dous partidos, mais o último, na Suercopa da Galiza, acabou en derrota ante o Conservas Orbe Zendal BM O Porriño. Aínda lle falta rodaxe ao equipo? 
Os puntos da Liga son moi importantes. Sobre o partido da Supercopa, está claro que hai cousas que temos que corrixir e traballar. O mérito foi do propio O Porriño, que fixo un partido máis efectivo ca nós. O deporte é así, mais claro que queremos sempre gañar, estar a tope e facer todo ben. Nestes partidos, ás veces, das derrotas aprendemos máis que das vitorias. Para nós esa derrota ten que servirnos de lección por querer estar ben sempre. Non é sempre posíbel, mais para medrar precisamos percibir, entender as nosas necesidades e corrixir as cousas.

Estamos comezando, pouco a pouco, con xogadoras novas. Ademais, temos que conectar e tentar facer un [traballo] colectivo máis forte. Sabemos que a liga vai ser longa e tamén que nela hai equipos bos, que nos crearán moitas dificultades e que tentarán facernos dano. Por iso, nós temos que facer o noso traballo e estar o mellor que poidamos. Nós queremos gañar puntos e queremos continuar arriba. Con ese obxectivo teremos que traballar moito.