Álvaro Morata topa co muro de Diogo Costa e Portugal leva a UEFA Nations League
A selección masculina de fútbol do Estado español tiña todo de cara para levar o torneo, mais un gol de Cristiano Ronaldo mediada a segunda parte puxo o encontro en táboas. A partir de aí esmoreceuse a escuadra española, dominada por unha Portugal que non foi quen de adiantarse nin nos 90 minutos, nin na prórroga, mais que si se impuxo nos penaltis. Logo dun empate a dous goles, Álvaro Morata atopouse co muro de Diogo Costa nos penaltis, e os lusos, que non erraron desde os 11 metros, levaron a UEFA Nations League.
Adiantábase a selección do Estado español cun tanto de Zubimendi no minuto 20 logo dun despexe de João Neves a un centro de Lamine Yamal que deixaba a bola moi cómoda para que o vasco lanzase ao fondo da rede do gardameta Diogo Costa.
Pouco tardaba en chegar a resposta do conxunto portugués, recibía a pelota Nuno Mendes, que se colou dentro da área dos de Luis de la Fuente e finalizou cun potente zurdazo cruzado que se tornou imparábel para Unai Simón. Os lusos puñan o empate no marcador e corría o minuto 26.
A piques de rematar a primeira metade Pedri filtraba un balón para conectar con Oyarzabal, que cun toque de moita calidade superaba Diogo Costa nun man a man. Portugal protestaba unha falta sobre Bernardo Silva, mais un vasco, e novamente un xogador da Real Sociedade, adiantaba o conxunto español.
Cristiano Ronaldo pon o empate decisivo
Todo semellaba de cara para a selección dirixida por Luis de la Fuente, mais chegou o toque dunha vella gloria do gol. Cristiano Ronaldo enganchaba a pracer unha bola que foi enviada á área por Nuno Mendes, unha das estrelas do xogo deste domingo, e puña o empate a dous no marcador.
A partir dese momento, apagouse España. Os portugueses tomaban o control do partido e, nese contexto, a súa estrela Cristiano Ronaldo tiña que abandonar o campo por lesión. Mais os cambios de Roberto Martínez non fixeron se non mellorar o desempeño dos lusos, que cun Rafa Leão que non paraba de desbordar, eran quen se aproximaban á vitoria.
Mais ninguén foi quen de meter o terceiro gol, e polo tanto ningún equipo se fixo coa vitoria nos 90 minutos regulamentarios. Desta maneira, o partido tiña que decidirse nos penaltis, onde parecía que ninguén ía errar até que Álvaro Morata se topou co muro de Diogo Costa. O título estaba nos pés de Ruben Neves, que non fallou, e Portugal levou a UEFA Nations League.
Simboloxía franquista
O deporte non foi o único protoganista este domingo no terreo de xogo de Múnic (Alemaña), posto que segundo se puido ver en directo na retransmisión do encontro, desde a bancada española (ou cando menos un dos seareiros) exhibíronse bandeiras con simboloxía franquista.
"Unha bandeira franquista na bancada da afección de España hoxe [por este domingo] na final da Nations League en Múnic. En Alemaña a apoloxía fascista está perseguida con penas de prisión", lembraba o usuario da rede social X Fonsi Loaiza amosando un vídeo da retransmisión.