O alumnado de Educación Física e CAFD exixe unha lei contra o intrusionismo
A dignificación da carreira educativa nos graos de Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte (CAFD) na Galiza é un dos eixos salientábeis das demandas do seu alumnado. Esta segunda feira este colectivo realizou unha primeira protesta diante das súas facultades galegas –na Universidade da Coruña (UDC) e na Universidade de Vigo (UVigo), na súa sede de Pontevedra– coincidindo cunha mobilización máis ampla de carácter estatal.
A protesta contou co apoio do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (Colef) e formulouse a través dunha "sentada" e a lectura dun manifesto no que afondaron "na falta de ordenación profesional que garanta a calidade e a seguridade da práctica físico-deportiva, ademais de loitar contra o intrusionismo e a precariedade laboral". Ademais, demandan "que se recoñezan as profesións do deporte e que se garanta a calidade e seguridade da práctica físico-deportiva", así como que se diferencien os niveis formativos, evitando equiparacións "inxustificadas", e pase a recoñecerse "o papel esencial do graduado e graduada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte na prescrición e readaptación mediante exercicio físico".
"Unha vez que rematas o grao compites con calquera profesional doutros ámbitos que queira incorporarse ao noso sen ter a titulación adecuada", denuncia a Nós Diario o presidente da asociación de estudantes da Facultade de Ciencias de Deporte e Educación Física da Coruña, Anxo Lens. Por este motivo, considera "imprescindíbel" esta ordenación mediante unha lei que lles permita contar cunha “reserva de actividades”. Este responsábel do colectivo de alumnado herculino entende que "non é só unha cuestión laboral, tamén ten a ver coa saúde, que pode estar en mans de persoas sen a debida preparación". Lens argumenta que nesta profesión traballan "con cargas" e hai "unha importante parte pedagóxica que pode ser deficiente" se non se ten a preparación necesaria. "Se unha persoa vai ser operada, quen ten que realizar a operación? Un médico colexiado ou outro que non pasou pola facultade?", pon como exemplo.
Na outra universidade galega, o responsábel da Delegación de Estudantes da facultade en Pontevedra da UVigo, Anxo Domínguez, profunda, en declaracións a Nós Diario, neste aspecto pouco coñecido da profesión que inclúe a investigación. "Podemos previr enfermidades e lesións, ademais de mellorar a calidade educativa cando se trata do ensino", asegura. No contexto sanitario entra dentro das súas funcións mesmo "adaptar lesións".
Demanda e titulacións
A demanda de profesionais é evidente. Segundo a Enquisa de Orzamentos Familiares do INE, as familias galegas destinaron en 2024 no apartado de servizos deportivos, que engloba desde cotas de ximnasio até inscricións en competicións, 272,77 euros, 28,8% máis que en 2023. "Nos últimos anos abriron moitos ximnasios e tamén hai moitos servizos de adestramento persoal, o caso é que non sempre están en mans de persoas tituladas", aclara Lens.
Para Domínguez, o tema dos ximnasios "é o máis evidente" dentro da súa profesión. Neste sentido, este representante do alumnado separa a titulación graduada da técnica, outra das reivindicacións máis sinaladas na protesta desta segunda feira. "Tamén aquí hai xente con outras titulacións, aparentemente relacionadas, que entra nese ámbito", indica este estudante da UVigo. "Non se trata de discriminar, senón de colocar cada profesional no seu lugar; non é o mesmo estudar catro anos un grao que dous nunha FP", apunta.
Desde o Colef Galicia, o seu presidente, Henrique Xoán Rodríguez, entende a protesta. "O alumnado estuda unha carreira na que non queda claro o seu futuro por non ter unha regulación", indica a Nós Diario. "Calquera pode facer uns cursos e comezar a traballar, algo que sería inaceptábel en calquera outra profesión", conclúe.
Convenio da UVigo co Celta
Esta segunda feira mesmo o Consello de Goberno da UVigo aprobou un memorando de entendemento co Real Club Celta e Metrodora Education Vigo que permitirá crear, no futuro, un novo centro adscrito da institución universitaria. Como lembrou o reitor, Manuel Reigosa, o proceso arrancou tras anunciar o Celta a súa intención de pór en marcha as titulacións de Fisioterapia e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, así como o dobre grao en Fisioterapia e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, da man dunha universidade privada vasca.
“A cambio de que non se implanten eses títulos”, que a UVigo oferta "con criterios públicos, calidade pública e prezos públicos", daríaselle acubillo ao Celta "para que os títulos universitarios que se poidan implantar estean recollidos dentro da UVigo como centro adscrito”.
Persoal "sen titulación" nun espazo da TVG
A TVG sumouse en novembro ao crecente interese pola preparación física estreando o 10 de novembro o espazo Pulso Activo. Con anterioridade o ente público abriu un cásting para conducilo e o propio Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (Colef) difundiu esta posibilidade.
Porén, o programa estreouse cun presentador, Eddy Insua, que, segundo o Colef, non ten titulación universitaria nin colexiación profesional e basea a súa comunicación en "estereotipos físicos e estéticos". O presentador, ex concursante do popular programa Gran Hermano, respondeu nas redes sociais mostrando certificados de titulacións que o Colef entende que "non son para nada oficiais".