Maratón

25 segundos separan Alessandra Aguilar da praza olímpica

[Imaxe: Facebook de Alessandra Aguilar]

A galega Alessandra Aguilar vén de facerse co 17º posto na proba de maratón disputada no marco do Mundial de Atletismo de Beijing. Aguilar quedou a tan só 25 segundos de conseguir o pasaporte para os Xogos Olímpicos de Río 2016.

Un total de 25 segundos separaron Alessandra Aguilar (Lugo, 1978) do soño olímpico logo de ficar na posición 17º na proba de maratón do Mundial de Atletismo de Beijing. A lucence quedou, así, a dúas posicións de gañar a praza directa para os Xogos de Río cun tempo de 2:33:42.

“Este posto déixame con sabor agridoce e triste por verme tan perto e non conseguilo”, sinala a atleta nas redes sociais. “As sensacións foron moi boas durante a proba e até o km. 34 pensaba que podía pelexar polo top 12-15, pero a maratón é como é e no 35-36 km topeime co muro”, recoñece. Nos pasados Mundiais de Moscova, Alessandra quedara na quinta posición.