Xurxo Martínez revive nun roteiro o Santiago de Faraldo
Xurxo Martínez deu a coñecer, dentro da programación da Semana do Libro de Compostela (SELIC), a relación de Antolín Faraldo coa cidade de Compostela. Fíxoo nun roteiro que saíu desde a Praza da Quintana, que acolle a carpa da SELIC, e que tivo catro paradas fundamentais, a primeira dela foi na antiga Imprenta Compañel na que "se imprime por exemplo El Porvenir e o voceiro do goberno revolucionario, un xornal oficial do goberno que se titulaba La Revolución", explica Xurxo Martínez a este xornal. As asistentes detivéronse en San Martiño Pinario "onde se falou da academia literaria e da derrota e entrega do exército libertador da Galiza". A seguinte parada foi no Hostal dos Reis Católicos, posto que, segundo conta Martínez, nel viviu a familia de Faraldo durante un longo tempo. O Pazo de Fonseca foi o último destino do paseo literario, "foi a sucursal de medicina, onde el estudou".
A revolución de 1846, como afirma Martínez, "é a primeira vez na, que como resultado dunha análise previa do que era o país, se chega á conclusión de que ten que haber un goberno galego que dirixa o país". Antolín Faraldo "foi a súa alma e a súa mente", polo que resulta tan importante a súa figura na concepción do primeiro chamamento de autogoberno da Galiza, que tivo unha grande repercusión na sociedade galega.
Xurxo Martínez quixo, a través do roteiro, pór en valor e divulgar a importancia da Revolución de 1846, "creo que é un feito decisivo para entender por exemplo o propio Rexurdimento, as protagonistas deste período como Rosalía, Murguía ou Pondal non tiveron unha implicación política máis activa e máis pública pola represión que se vive despois do 46. O recordo que queda del é que quen se mete en política pode pagar as consecuencias". Alías, o roteiro permitiu coñecer mellor a relación de Compostela con Faraldo, Martínez insta que a cidade "lle debe a Faraldo un recoñecemento público".
Xurxo Martínez, colaborador de Nós Diario, é autor de Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento (Alvarellos), obra que compila unha serie de textos de Faraldo. Con este libro conseguiu o Premio de Investigación Baltar Feixoo 2024. Martínez, filólogo e investigador, é un dos grandes coñecedores do século XIX na Galiza e especialista na Revolución de 1846.