A Xunta segue, 18 meses despois da solicitude, sen declarar BIC as pezas do Mestre Mateo en mans dos Franco

abraham e isaac

'O Sorriso do Daniel' solicitou formalmente en outubro de 2017 esa medida, sen ter a día de hoxe noticias ao respecto. A asociación anuncia que informará á Unesco da situación de desprotección destas pezas.

Abrahan/Xeremías e Isaac/Ezequiel son dúas pezas feitas no séculos XII e XIII polo Mestre Mateo. Dúas pezas talladas entre 1188 e 1211 por Mateo para que figurasen no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela e que actualmente están en posesión da familia Franco.

En outubro de 2017 a asociación ‘O Sorriso do Daniel’  solicitara formalmente a incoación dun expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) a estas dúas pezas. Porén, 18 meses despois, esta asociación no  ten noticia alguna ao respecto e lembra que o prazo máximo para concluír o expediente é de 24 meses. “Este retraso non fai máis que alargar a sombra de desleixo da administración nun caso que debía sr tramitado xa hai anos”.

Nun escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio, O Sorriso do Daniel solicita a “conclusión favorábel” do expediente de declaración BIC destas pezas e piden que a administración lles informe do estado no que está o procedemento.

Indica tamén que se poñerán en contacto coa Unesco e con Icomos para “alertalas” da situación de desprotección en que poderían estar estas figuras en posesión da familia Franco.