Pontevedra

Ratificada a sentenza que obriga a Xunta a restaurar o Pazo de Lourizán

A Xunta salienta que os traballos de rehabilitación do pazo de Lourizán, en Pontevedra, "xa se iniciaron". (Foto:Turismo da Galiza)
O Goberno galego non recorreu o fallo do TSXG que o condena a executar as obrigas derivadas do convenio asinado en 1991 coa Deputación de Pontevedra.

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que condena a Xunta a realizar as obras de rehabilitación e mantemento do Pazo de Montero Ríos, en Lourizán (Pontevedra), xa é firme logo de que o Goberno galego non recorrese a decisión xudicial emitida o pasado mes de febreiro pola sala do contencioso administrativo.

Esta decisión xudicial do alto tribunal galego dálle á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda un prazo de dez días para que "leve a puro e debido efecto" a súa decisión, en cumprimento dos contidos da sentenza pola que foi condenada a executar as obrigas derivadas do convenio asinado en 1991 coa Deputación de Pontevedra sobre a restauración e mantemento desta xoia do patrimonio civil do país, declarada Ben de Interese Cultural (BIC).

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción pola decisión ao afirmar que "os convenios teñen rango de norma e hai que cumprilos".

Silva subliñou que o contido do acordo deixaba "ben claro" que era a Xunta a que debía asumir os labores de rehabilitación e mantemento deste pazo "precioso e extraordinario".

Aliás, pediu á Xunta que achegue os "recursos necesarios", que nun primeiro intre cifraran en 14 millóns de euros pero que coa deterioración actual e o paso do tempo serán "uns 20 millóns". "Pero a Xunta ten capacidade e será unha gran noticia", concluíu a presidenta.

A Xunta salienta que os traballos "xa se iniciaron"

Após coñecerse a decisión xudicial, a Xunta lembrou que "xa iniciara" as obras de rehabilitación do pazo "mesmo antes de coñecer o contido e alcance" do fallo emitido no mes de febreiro.

Incidiu, como xa fixo no momento en que transcendeu a sentenza do TSXG, en que os traballos, que están concluídos, "foron realizados ao amparo do convenio de cesión do predio e as súas instalacións" á Xunta.

A Consellaría do Medio Rural apunta que as actuacións consistiron na reposición da cuberta de laxa e a reparación do tellado nalgunhas partes do edificio, a limpeza de canlóns e baixantes, a substitución de pezas de chumbo por outras de zinc, a limpeza de terrazas ou cambios no sistema de iluminación, entre outras.