Contracultura

Xosé Tomás, ilustrador: "O libro ten algo de humor, de tenrura e un clímax final de liberdade grazas ao traballo colectivo"

Xosé Tomás asinando exemplares da súa última obra, ‘A gran fuxida’. (Foto: Nós Diario)

Xosé Tomás (Betanzos, 1971) ilustra e narra a historia dun grupo de animais que, a través do traballo colectivo, artellan un plan para fuxir dun zoo. A gran fuxida (Belagua) combina humor e tenrura para amosar ás crianzas a importancia da colaboración para poder alcanzar obxectivos como a propia liberdade.

De onde nace a idea de converter un zoo nun espazo de organización colectiva?
A obra parte de trasladar aos lectores máis pequenos esa idea que eu utilizo bastantes veces en distintos traballos de utilizar animais como representacións de persoas.

E que lle permite contar unha historia de liberdade a través dos animais?
Os animais sempre me permitiron xogar con caracteres psicolóxicos moi diversos e máis extremos. Hai moita variedade para representar un amplo abano de personalidades e o tema dos animais é algo que aos nenos e nenas lles entra moi ben. A través desta especie de filtro é posíbel falar de cousas como a organización dun grupo para superar unha barreira sen caer no didactismo. Os nenos detectan rapidamente todo o que cheire a didáctico e penso que tampouco ten que ser o obxectivo deste tipo de libros. A literatura ten que facer pensar e facer sentir. Os nenos son pequenos pero non son parvos.

—Cal é a intención principal deste libro?
Unha das intencións do libro é precisamente a organización e o traballo en común. Como en equipo, cada un aportando as súas habilidades, estes animais conseguen algo máis aló. A xirafa, coa súa altura, observa desde o máis alto; o gorila, a través da forza; o papagaio, coa súa fala... E logo está outro tema que é o de romper as barreiras. De feito, cando asino libros aos pequenos, sempre lles fago un debuxo e lles poño unha pequena frase que os anime a, igual que os animais do conto, superar os límites e as barreiras que lles poida pór a vida.

O libro mestura humor e tenrura. Como equilibra esas dúas capas ao escribir e ilustrar sobre esta temática?
Non pode haber literatura sen emoción. No ensino tamén: se non hai emoción non hai aprendizaxe. Os nenos e os maiores precisan emocións para engancharse a algo. O humor é unha das ferramentas que máis utilizo nos meus traballos. Xa o facía en prensa a través do humor gráfico e paréceme, tal e como me dixo unha vez Xaquín Marín, unha cousa moi seria. É unha das ferramentas humanas máis poderosas que existen, por iso é moi importante introducirlla ás crianzas desde ben cedo. O libro ten algo de humor, de tenrura e un clímax final de liberdade grazas ao traballo colectivo dos protagonistas. É un texto curto pero que condensa eses valores.

—Cada animal achega unha habilidade distinta. Había unha intención clara de falar de cooperación e de comunidade?
Por moitas circunstancias que teñamos en contra na sociedade actual, hai cousas que son insubstituíbeis, como o traballo en equipo. Calquera profesional ten que saber traballar en equipo e é algo que hai que fomentar moito máis desde a infancia. Por iso no libro non hai un só protagonista, senón que é un grupo.

—Que supuxo para vostede publicar este novo libro a nivel persoal?
Foi unha satisfacción, pero tamén unha responsabilidade, xa que lle teño moito respecto á escrita. As obras saen ao público, están nas bibliotecas e poden ter un impacto nas crianzas. Eu teño moito respecto polos nenos e busco que as cousas se fagan ben.