Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura: "A institucionalización evita divulgar o verdadeiro pensamento de Castelao"

O profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Carril. (Foto: Nós Diario)
O 25 de xullo Nós Diario agasallará unha edición facsímile da obra O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios de Castelao, editada por Galiza Cultura. Falamos co seu presidente, Xosé Manuel Carril, quen pon en valor o legado do dirixente nacionalista desde unha perspectiva crítica e formativa, lonxe da institucionalización simbólica.

Que significou no seu momento a publicación desta obra?
Publicouse o 28 de xuño do 1948, coincidindo co aniversario do plebiscito do 1936, cando Galiza decidiu que quería ter goberno propio. A intención era lembrar aquela xornada. Castelao non escribe con nostalxia, senón con vocación de futuro.

Por que Galiza Cultura escolle editala agora?
Levamos anos insistindo na necesidade de divulgar toda a obra de Castelao, máis alá da que xa é coñecida. Estivemos con Un ollo de vidro no Samaín, tamén coa publicación de Alba de Gloria con Nós Diario o pasado ano. Agora tocaba esta obra. Non o facemos polo 75 aniversario da súa morte. É un traballo que vimos desenvolvendo desde hai tempo e que responde a unha estratexia clara: dar a coñecer a súa obra, sen caer no culto baleiro.

Estase a tratar Castelao como merece por parte das institucións?
Non. Hai unha ILP promovida por Galiza Cultura e Vía Galega que pretende poñer en valor a súa obra, que segue a ser descoñecida. A súa obra plástica non está recollida nun museo que a amose na súa totalidade. Os seus libros tampouco teñen a difusión que deberían. A declaración BIC do 1999 non tivo ningunha consecuencia práctica. Nós non idealizamos: queremos que se coñeza Castelao, o que foi e o que representa.

Cal é o valor ideolóxico deste volume?
A obra estrutúrase en dúas partes. Primeiro, un preámbulo moi sólido onde defende a personalidade nacional de Galiza e a súa vontade de ter goberno propio. Despois, o comentario crítico do articulado, onde se demostra un coñecemento profundo do dereito e da realidade política. Castelao sabía que había que explicar ben o texto para evitar desenganos futuros. E faino pensando no país, no seu recoñecemento e no dereito a existir como nación.

Que papel xoga Castelao como analista xurídico no libro?
A análise que fai do Estatuto de 1936 é modélica: artigo por artigo, comparando con outras referencias. E faino con espírito crítico. Por exemplo, denuncia a desigualdade legal entre o castelán —obrigatorio— e o galego —só un dereito—. Castelao mostra unha enorme capacidade analítica e deixa claro que o Estatuto non era o teito, senón un chan. Galiza necesita máis, e non pode conformarse con menos.

Que destaca do proceso estatutario e do papel de Castelao nel?
Foi un proceso colectivo, pero Castelao tivo unha relevancia especial despois do golpe de Estado. No goberno republicano itinerante e logo exilio, el foi clave para que se recoñecese o que o pobo galego aprobara. O seu papel foi fundamental: estivo en todas as fases, pero na última foi determinante. Sen a súa teima, moitas cousas non terían saído adiante.