Bibliotecario en Ames e secretario de asociación Bamad Galiza

Xoán Manuel Pérez: "As bibliotecas tivemos que reclamar protocolos claros porque houbo moitísima improvisación"

Xoán Manuel Pérez Lijó.
Mergullamos da súa man na nova normalidade das bibliotecas, nos protocolos sanitarios, no cambio de hábitos logo do confinamento e nas corentenas que afectaron os préstamos de libros.

Bamad criticou a actuación das Administracións na xestión da pandemia.
Con respecto aos protocolos de inicio, en primeiro lugar criticamos a actuación da Xunta porque se tomaron decisións dun día para o outro sen informar o persoal traballador, entón si reclamamos que se atendese a demanda non só das e dos usuarios senón tamén do persoal traballador. Cando se abriron de novo os servizos tivemos que reclamar uns protocolos claros porque o que houbo foi moitísima improvisación, como está a pasar agora no ensino. A Xunta seguía os pasos que daba o Estado pero non tiña en conta que os concellos agardaban a que a Xunta crease ou aplicase os protocolos para facéreno eles tamén. Nese sentido as Administracións máis pequenas quedaron bastante colgadas. Desde o ministerio houbo tamén contradicións en relación ás corentenas, 14 días para os libros e 10 para documentos de arquivo, e cando rematou o estado de alarma elimináronse sen máis.

Como é, a día de hoxe, unha xornada nunha biblioteca?
Aparentemente é normal, porque están todos os servizos das bibliotecas activos, pero cos protocolos actuais: distancias entre persoas usuarias, uso obrigado das máscaras, coma en todos os lugares, e hidroxel. A día de hoxe damos todos os servizos pero para un menor número de usuarios simultáneos. No referido aos préstamos, as e os usuarios poden tocar os libros directamente nos estantes, coas debidas precaucións, achegárense ao mostrador etc. Os postos de lectura, debido ao mantemento da distancia de seguridade, son máis reducidos. O que cambia é o referido ás actividades de animación á lectura, no inicio de curso seguramente nos vexamos con máis dificultades á hora de realizalas, mais durante o verán as biblioteacas non están moi activas. Ben porque a situación poida emperorar e haxa que suspender determinados servizos, ben polo tamaños dos espazos, que obriguen a ter moi pouquiña xente nas actividades. No caso de Ames pode haber 14 persoas para cada actividade.

O nivel de préstamos variou polo confinamento?
Nas nosas bibliotecas notouse unha baixada moi grande, de usuarios e de préstamos. Creo que a xente se cortou moito co tema de utilizar os servizos, e vén alguén se non ten que ler ou se é un lector moi empedernido. É certo que ao reporse o servizo durante o verán xa non hai oposicións, por exemplo, e iso implica que dentro da propia biblioteca o número de persoas que estudan tamén sexa moi baixo. É unha situación estraña por esta coincidencia da reapertura na época de verán, non podes saber se a baixada no número de usuarias é por iso ou por medo ao contaxio.

Que nos pode contar do préstamo 'online'?
O préstamo online xestiónao a Xunta e saca normalmente datos anuais, pero o que si podo dicir é que se multiplicou moitísimo, chegouse ao total anual en tan só 3 meses. Ademais en marzo habilitouse o rexistro de usuarios aínda que non se tivese carné de biblioteca.

E que hai do curso escolar?
As bibliotecas tivemos que realizar cambios por mor das capacidades, para manter a separación física, e terá que haber un sistema de numeración ou cita. Nós temos un sistema de número que se lle dá a cada usuario segundo o lugar no que queira sentar, pode haber tantas persoas como número de postos de lectura haxa. A partir de aí, hai que agardar a que se baleire un posto para que o poida ocupar outra persoa usuaria. Pero a xestión do espazo é algo que ten que ir vendo cada biblioteca individualmente.