Xantar da Cultura en homenaxe a Nemesio Barxa

 

O recoñecemento terá lugar este sábado 16 ás 14 horas no restaurante Celme Galego, na parroquia viguesa de Valadares.

A asociación cultural O Castro de Vigo organiza un acto de homenaxe a Nemesio Barxa, avogado e membro do consello de administración de Sermos Galiza. O restaurante Celme Galego, ubicado na parroquia viguesa de Valadares, acollerá o Xantar da Cultura onde se fará recoñecemento da traxectoria deste activista na defensa da cultura e da lingua galega. Será este sábado 16 ás 14 horas.

 

“Aínda que non o pareza porque a vida che obriga a tomar decisións, o certo é que son esencialmente un home tímido ao que non lle gusta estar en primeira fila de ningún sitio, mais a verdade é que me sinto encantado e moi agradecido”, explicaba Nemesio Barxa en declaracións a Sermos Galiza. O xurista, que comezou o seu compromiso cultural e político durante a ditadura franquista, estende esta homenaxe “a toda esa xente que ía canda min ao longo desta andaina”.

 

"Temos a necesidade de reaxir desta paralise para espertar de novo e defender o noso”

 

Asegura que a súa militancia responde a “unha obriga que sintes que tes co teu país, coa túa identidade nacional, polo que era algo que tiña que facer”. Botando a vista atrás, Barxa fai un balanzo moderadamente optimista da situación actual da cultura e da lingua do país. “Agora xa se poden facer moitas cousas que no franquismo non había, mais por iso tamén hai un certo abandono ou desaceleración en canto á súa defensa”, indica. O avogado lembra as primeiras reivindicacións polo uso do galego nos xulgados, dereito que foi conquistado e que, actualmente, “atopas bastante desasistido”.

 

Xa no presente, o homenaxeado recoñece detectar “un desfondamento” na sociedade “tanto nos temas de defensa da cultura e da lingua como no que se refire a obter vitorias políticas que nos leven a autogobernarnos”. Por iso, admite ollar cara o futuro cun realismo que, non obstante, non lle impide perder a esperanza en que “haberá un futuro”. “Eu probablemente non o verei nos anos que me queden, mais temos a necesidade de reaxir desta paralise para espertar de novo e defender o noso”, conclúe.