Xabier Díaz adianta “Cantiga da montaña” á espera de que “The tambourine man” vexa a luz en outono
A canción pode xa descargarse en plataformas dixitais e o seu videoclip está disponíbel en Youtube e Vimeo. Xabier Díaz adianta “Cantiga da montaña” do seu novo disco The tambourine man que verá a luz en outono. VIDEOCLIP NO INTERIOR.
Á espera de dar a coñecer o seu novo disco “The tambourine man” en outono, Xabier Díaz adianta desde este 25 de xuño o seo primeiro single, a canción “Cantiga da montaña” que está disponíbel nas plataformas dixitais iTunes e Spotify canda o videoclip que esta disponíbel en Youtube e Vimeo.
“The tambourine man”, o nome do célebre tema de Bob Dylan, é o título do vindeiro disco do músico que, desta volta, camiña coas Adufeiras de Salitre, once percusionistas e cantoras, polos vieiros da tradición galega peneirada pola súa mirada vangardista. Gutier Álvarez (zanfona e violino) e Javier Álvarez (acordeón diatónico) participan deste novo traballo dun dos nomes de referencia da música galega, que, alén de músico e compositor, destácase pola súa actividade na investigación e a recolleita do folclore tradicional.
Unha traxectoria nutrida
O agardado novo disco de Xabier Díaz ofrecerá unha nova aposta deste músico que puxo puxo voz a espectáculos como Alento, Engado e Tradicción da compañía. Con Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero creou a formación efémera aCadaCanto que vén de anunciar a súa despedida despois de deixar dous discos para a historia da música galega. O seu nome forma parte tamén da última composición da banda Berrogüetto dos anos 2008 a súa disolución en 2014, unha das propostas de máis peso nas creacións contemporáneas galegas e de maior proxección internacional. Luar na Lubre, Amancio Prada, Os Cempés, Marful, Nordestinas, Kepa Junquera, Uxía, Xosé Manuel Budiño… son algunhas das propostas que tiveron a Xabier Díaz como parceiro.
Na súa discografía inclúense tamén títulos como Músicas de salitre e Arrolos de Salitre, canda Guillerme Fernández ou Coplas para Icía, coa colaboración de Guadi Galego, Iván Costa, Pedro Lamas e Suso Iglesias.