Xa hai gañadores do certame Curtas para Rosalía

Momento da gala da entrega de premios

Onte quinta feira entregáronse na Coruña, nunha gala na que actuou Davide Salvado, os premios para os e as gañadoras do certame Curtas para Rosalía. 

Nunha gala á que acudiron todos os finalistas e que estivo protagonizada por Davide Salvado, puidemos coñecer os gañadores, que foron Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez na categoría Irmandades da Fala, Luís Gómez Aldegunde na categoría Manuel María, e Chus Domínguez na de Mellor Curta. 

Segundo o xurado, Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez acadaron o Premio Irmandades da Fala coa curta 'Mira a miña pel' “pola súa aproximación, desde a perspectiva e ton do videopoema, á crucial chamada das Irmandades para a recuperación da lingua, subliñando o que de encarnado, directamente corporal, ten o traballo da lingua, na cal a superficie, a pel, conduce ao máis profundo do noso ser”. 

No apartado Manuel María gañou a fita 'Telexornal Manuel María' “pola súa eficaz achega para o coñecemento e difusión da obra e o legado de Manuel María, co mérito acrecentado de estar protagonizada por escolares que se dan moi ben coa expresión audiovisual e axudan a construír un exemplo vivo de comunicación social galega emancipada”.

E, finalmente, o galardón á Mellor Curta nesta sexta edición foi para 'O prezo da dote', de Chus Domínguez, “polo seu contributo significativo para a reelaboración da imaxe de Galiza que, por virtude da súa forza poética, é capaz de se afastar do tópico e, dialogando á distancia coa obra rosaliana, compón un fluxo de imaxes e unha partitura sonora de singular e comovente beleza”.