X ANIVERSARIO DO RESURRECTION FEST

Colle folgos: Vén o Resu, con Motörhead, Korn, Refused e 35 proxectís máis

Resurrection

Do 16 ao 18 de Xullo. En Viveiro. A maior cita para os amantes do hard-core, punk, metal ou trash. O cartaz do festival foi TT nas redes sociais apenas facerse público.

 

Dez anos do Resurrection Fest non poden celebrarse como unha vulgar data de aniversario no calendario dos festivais europeos de música. Iso fica para os macro-festivais de renome a golpe de talonario de grandes marcas de publicidade. O Resu cumpre 10 anos de vida e por iso a edición de 2015 vai ser das de agárrate á regala que vas pola borda. Tres días (16, 17 e 18 de xullo) para aguantar ou rebentar.

O cartaz foi dado a coñecer nesta cuarta feira e en apenas unhas horas xa é Trending Topic (TT) nas redes sociais. Non é para menos: un total de 40 proxectís musicais de diferente calibre, certo, mais impacto para dar e encher. Tres nomes dominan a proposta: Motörhead, Korn e Refused. O primeiro e o terceiro nos seus únicos concertos no Estado. Son tres nomes que obrigan a conter a respiración.

Mais non son os únicos. A listaxe obriga a coller aire. Desde os In Flames a Satanic Surfers. De Fear Factory a Nuclear Assault ou Terror. Estilos variados, épocas distintas. Variedade dentro do gosto polas marxes, polo ruído.

Colle folgos, vén o Resu

Como é habitual, tamén hai bandas que marcaron no seu momento historia dentro do panorama do punk e do hardcore. Das que figuran en calquera antoloxía do xénero a nivel mundial. Noutras edicións por Viveiro pasaron Black Flag ou Dead Kennedys, por citar dous deses nomes. Tamén en 2015 haberá eses nomes de grupos que lembran cando o HC non tiña tatuaxes nin panos no pelo. Tres exemplos: Anti-Nowhere League (punk-hardcore británico, formado en 1980), Poison Idea (un mito do hardcore. Naceron en Oregón nos primeiros 80 e deixaron traballos imprescindíbeis do xénero) e DRI (saltaron do HC que practicaban nos 80 a ser unha referencia do metal crossover nos 90). E máis un: 7 seconds. A banda histórica de Reno, un conxunto que figura con voz propia na historia do punk-hc.

Nesta edición tamén haberá representación naciona, de Galiza, con combos como Aphonnic ou Bastards on Parade.

Na web xa hai unha oferta bono para os 3 días por 75 euros. ‘The Storm is coming’ é a palabra de orde para un festival que é único. E que cada edición atrae a milleiros e milleiros de fieis, gran parte deles de alén da Península Ibérica.