CAMARADA NIMOY

“A voz e as letras non son o único xeito de que na música haxa liña narrativa”

Entrevistamos a Camarada Nimoy, grupo vigués que casa swing, jazz, rock, surf... e constrúe un estilo de seu tanto musical como narrativo malia prescindir de cantante. 

 

Camarada Nimoy con apenas dous anos xa é unha referencia da nova escena galega, un grupo que é quen de tecer unha nova e orixinal proposta musical prescindido de voces e letras. “Igual precisaríamos unha etiqueta e non a temos” recoñecen nesta entrevista. A extinta ‘Dioivo’ definíraos como a BSO (Banda Sonora Orixinal) para unha Galiza de ciencia-ficción. Insuperábel.

Jazz, Surf, Psicodelia, Lounge, Krautrock...É Camarada Nimoy un grupo apaixonado pola mistura e o inclasificábel?

Todos os xéneros nomeados na pregunta nos gustan! O que escoitas vai ter presenza no que fagas, iso é unha realidade, aínda que non queremos ser un grupo estereotipado. A necesidade expresiva que nos levou a montar este artefacto sonoro e visual flúe como a saliva na boca cando tes fame, e non marcamos no proceso compositivo un rumbo conceptual, escoitamos moita música e entón iso fai que se vaia cara a moitos lugares a vez a hora de tentar describilo, pero o certo é que logo temos un son moi recoñecible e moita naturalidade nas formas de facelo. Igual precisaríamos unha etiqueta e non a temos, todo se pode clasificar supoñemos.

E ese gusto Leonard NIimoy que xa plasmades no propio nome do grupo?

Gústanos moito a polifacética obra musical, literaria e fotográfica deste vexetariano coñecido por interpretar a Spock en Star Trek, ademais de que, a nosa imaxinación nos levara a reinterpretar ese personaxe treki cara un camarada dunha república socialista no espazo exterior. Por iso usamos a imaxe de Spock co puño dereito levantado en vez de ter o clásico saúdo vulcaniano dos dedos separados

O de facer música instrumental é para non ter que aturar as preguntas de “por que cantáis en gallego” / “porque cantades en español”?

Ha ha ha, Esa é boa!! A nós, a pregunta que nos toca é máis xenérica aínda: por que non cantades?Todos os nosos temas teñen títulos en galego, somos un grupo instrumental que usa o seu idioma . Coa peculiaridade da nosa proposta ben poderían formularse infinitos por qués, se cadra, tantos, que poden ser tantas cuestións que quedan anuladas cando a xente ve que nos movemos noutros parámetros.Unha banda instrumental no rock ( no surf, jazz etc si!!) non era o máis común por aquí, aínda que iso esta cambiando, presentamos o noso LP xunto a Unicornibot o ano pasado na Zona C de Compostela co espazo cheo e coa xente pasándoo ‘de medo’.Xustamente estes días na Iguana (venres 26 de setembro) tocamos cos Messer Chups -grupo ruso de surf basicamente instrumental- e houbo moitisima xente, foi moi divertido. A voz e as letras non son o único xeito de que na música haxa liña narrativa. Moito mais expresiva pode ser unha melodía que unha letra non acertada, é chamativo ver como esa suposta necesidade cara o publico da que moitos falan, cunha especie de líder cantante letrista e demais logo se apoie moitísimas veces en letras que por dicilo dalgún xeito, non teñan demasiado valor analizadas desde o punto de vista literario. Iso si, apreciamos moitisimo cando esta fórmula funciona, so cuestionamos que non sempre é así, que son ideas preconcibidas. Tamén cremos que hai forma de comunicación non verbal na música, do mesmo xeito que unha mirada pode valer máis que unha explicación.

Nestes dous anos de traxectoria tivestes unha gran acollida e receptividade en Galiza, o que non é moi habitual para un grupo galego...

Bon, a nosa acollida é razoablemente boa para a nosa forma de entender e dimensionar as cousas, gústanos tamén ser sinceros e tentar non botar moito por fora, ha ha ha!. Somos unha banda cunha traxectoria humilde e tentamos ser honestos, só saímos de Galiza polo de agora para facer unha mini-xira portuguesa o ano pasado: Vila Real, Guarda e Viana do Castelo. Sentimos moita atracción por Portugal e como moitos vigueses, gústanos moito Porto e a súa vida musical.

Estamos vendo ultimamente, como cando tocamos no WOS INC de Compostela, que si parece haber unha boa acollida para bandas galegas en Galiza non demasiado convencionais; é unha realidade que os grupos do colectivo da Metamovida enchen a Capitol, o cal desde o punto de vista da independencia e auto-produción nas propostas musicais marca un antes e un despois, fronte a anterior forma de funcionar.

"Gústanos moito a interacción entre a a música e a imaxe; mais aló de ser un grupo con proxeccións como elemento ornamental prescindible. Poderíamos falar de "música visual"

Se cadra axude ao que comentas na pregunta o feito de que basicamente estiveramos tocando en Galiza, en espazos como pequenas tendas de discos como o Honky Tonk en Vigo (referente para calquera comprador de musica das Rías Baixas) en centros auto-xestionados como o distrito 09, pobos abandonado como Saumede, sitios onde nunca tocou un grupo surf como a Casa das Artes de Vigo abrindo a interesante mostra de arte contemporáneo Procesalia ou mesmo o Liceo mutante.

Non sei, cremos que estamos a facer as cousas dun xeito non demasiado común tampouco á hora de levar o noso artefacto sonoro a espazos, e a xente lle chama a atención.

Ademais de que tamén noso primeiro LP o gravamos nos Estudos desamparados ( Coia profunda :) ) con xente do distrito 09. Todo o fixemos nos, deseño do disco distribución, seguimento coa fábrica para a prensaxe do vinilo... FTM (faino ti mesmo) por vena. Todo isto sumado ao noso xeito de presentar os directos con proxeccións que tamén nós facturamos pode que sexa positivo para ter certa empatía do público de aquí.

Pero dentro todo dunhas dimensións, posto que somos unha banda humilde como dicía, imos pouco a pouco dándolle a todo nos mesmos como podemos, non temos apoios para facer as cousas doutro xeito.

"En Galiza hai agora un ‘fogonazo’; un boisimo e interesante momento creativo"

Os vosos directos teñen unha posta en escena moi coidada, onde case a música pasa ser unha especie de banda sonora das imaxes que se proxectan..

Gústanos moito a interacción entre a a música e a imaxe; mais aló de ser un grupo con proxeccións como elemento ornamental prescindible. Poderíamos falar de "música visual". Leramos no ensaio “The allied artists”, como Roger Fry facía referencia a uns paisaxes de kandinsky falando de eles deste xeito; (música visual) onde marcaba tres puntos de apoio:o son, a imaxe e a abstracción. Cando tocamos; as imaxes que proxectamos non funcionan como un videoclip, se non que vai nesta dirección e o resultado é un todo onde interactúan todos estes elementos sonoros e visuais. É curioso, non valerían estas proxeccións para un videoclip e a percepción do espectador é moi diferente se as ve con nós tocando nun espazo. Dámoslle moita importancia a isto.

Tamén se vos nota o gosto por facer uns vídeos mi coidados, e cada un deles ten un ‘lanzamento’ nas redes sociais. É este outro aspecto que ‘mimades’?

Os canles de balde aos que temos acceso bandas como a nosa van por aí, polas redes sociais. Tampouco somos dos que fan unha relixión delas posto que as cousas non son sempre tan brancas ou negras como parecen, pero é indiscutible o avance e empuxe de internet e as redes socias para a difusión do traballo dun músico fóra dos circuítos comerciais habituais.

Agradecemos que vos parezan moi coidados os vídeos, tratamos de facer as cousas do mellor xeito que podemos, e sempre contamos con xente próxima que se involucra no proxecto; o cal é aínda máis atractivo posto que estamos sen pensalo dando saída a unhas necesidades creativas dentro dun grupo de persoas que non son unicamente os músicos, pero que son igualmente, como bromeamos, son "camaradas". A realidade é que non hai cartos, pero iso non pode frear o que temos dentro e nos apetece e podemos facer un grupo de xente.

"Funciona mellor unha proposta arriscada entre o noso entendemento e esquemas musicais que unha máis acomodada ou convencional"

Con traxectorias tan diversas e diferentes (procededes de Skacha, Keltoi, Trem Fantasma, Transilvanians, To Nowhere...) cal foi o cemento que vos uniu en torno a un proxecto como Camarada Nimoy?

A necesidade expresiva de facer música cos recursos ferramentas e vocabulario que coñecemos, nada mais. E sorpresa! Funciona mellor unha proposta arriscada entre o noso entendemento e esquemas musicais que unha máis acomodada ou convencional. Dá que pensar, pasamos a vida seguindo esquemas preestablecidos cando se poden facer outros partindo de algo tan forte como o que levas dentro.

Como vedes o panorama musical de Vigo, unha cidade que sempre se caracterizou por ter unha escena ampla, heteroxénea e en ebullición? E o panorama galego?

Vigo ten xa unha tradición importante a nivel musical ou inter-disciplinar incluso, poderíamos falar case de finais dos 70 ata agora e analizar os movementos de vangarda que ainda non tan trascendentes como outros, si foron significativamente rompedores e importantes a hora de pensar nunha Galicia de modernidade a nivel artístico. Non nos gustan os localismos nin mirarnos en plan revival oitentero constantemente, iso xa está! hai cousas moi interesantes que se están a facer agora por xente moi nova aquí, como son a xente da Seara , que editan discos, revistas, etc e tamén por toda Galicia.

Poderíamos nomear a Santos Morcegos de A Guarda, Phatom Dragsters Ourense, Transilvanians de Vigo, Travesti Afgano da Coruña; Unicornibot de Pontevedra, Puma Pumku de Compostela, bueno, e os relativamente recentes desaparecidos Fantasmage de Vigo, Lendrone da Coruña ou Telephones Rouges do Grove que nos gustaban especialmente, e moitísimos máis, non mola estenderse na listaxe pero que ninguén pense que estes son todos e estamos pasando de alguén, nin de ‘coña’, hai moitísimos que poderiamos seguir poñendo!!

Resumindo; que en Galiza hai ‘fogonazo’ si; un boisimo e interesante momento creativo e penoso momento económico e laboral, así son as cousas...

Proxectos de futuro?

Estamos xa preparando os temas do noso novo LP ao que o precederá un single, estamos dándolle forma a todo e levamos tocado tanto este verán que incluso lle dimos un aire novo sen pensalo aos temas do anterior. Pensamos que estamos en bo momento

Esta pregunta non é obrigatoria respondela: Xa vos fartastes das comparacións con Man or Astro-man?

Ha ha ha!!... Non! Non nos cansaremos nunca de escoitar piropos como ese!! unha das nosas múltiples personalidades que habitan no cerebro do noso artefacto é MAN OR ASTRO-MAN? Hei, e outra Delia Derbyshire!! Aii! se seguimos non paramos!!