Unha visión galega do bolxevismo nun libro publicado en dúas editoriais e en dúas normativas
As editoriais Xerais e Através veñen de publicar conxuntamente un libro único pero repartido en dous volumes con cadansúa norma ortográfica que revisa desde Galiza o bolxevismo cen anos despois de que triunfara na Rusia do 1917.
O centenario da Revolución de 1917 chega cun acordo inédito no que -por vez primeira- dúas editoriais publican un libro en dous volumes de contidos diferentes. 'Bolxeviques 1917-2017' coordinado por Teresa Moure, marca -segundo Xerais- "unha vía de confluencia e de inspiración para a convivencia das tradicións políticas e ortográficas de quen defende neste país a vitalidade da nosa lingua e do ensaio escrito nela".
Teresa Moure: "Temos, entón, un acontecemento na historia editorial deste país: un único libro, repartido en dous volumes. Para coñecelo na súa totalidade, é preciso consultar ambos".
No volume publicado por Xerais, editado na norma oficial, inclúense os traballos de Justo Beramendi, Xosé Manuel Carril, Oriana Méndez, Víctor Santidrián, Xoán Carlos Garrido, Julio Prada, Uxío-Breogán Diéguez, Francisco Rodríguez, Anxo Angueira, Antón Dobao, Natalia Poncela, Xosé Manuel Outeiriño e Rebeca Baceiredo.