Vigo dálle outra mirada á obra inadvertida de Michel Pacewicz

Montaxe coa exposición sobre Michel Pacewicz. (Foto: COAG)
A delegación viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG) e o Concello de Vigo inauguraron esta segunda feira unha exposición sobre as creacións do arquitecto, cuxo traballo foi requerido no seu día pola sociedade burquesa da cidade.

O arquitecto Michel Pacewicz, autor intelectual dun bo número de edificacións en Vigo, é homenaxeado estes días nesa cidade. A delegación viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG) e o Concello inauguraron esta segunda feira, 27 de decembro, unha exposición dedicada a este técnico e creador. 

Baixo o nome “Exposición polo centenario do falecemento de Michel Pacewicz” -mostra que decorre no centro Vialia-, ambas as entidades pretenden dar a coñecer á cidadanía a figura deste arquitecto.

A iniciativa percorre a obra e a vida de Pacewicz a través de 12 paneis informativos e estará aberta neste espazo durante un mes para trasladarse despois a distintos barrios do municipio.  

O especialista francés de orixe polaca desenvolveu os seus últimos 17 anos de actividade profesional en Vigo, onde deseñou algúns dos edificios máis emblemáticos da cidade. 

Quer a exposición, quer durante a presentación oficial, destacáronse lugares como a Escola de Artes e Oficios, o edificio El Moderno, as casas de Oia en García Barbón, a Casa Rosendo Silva en López Mora ou a Casa Yáñez

Traslado á cidade após uns encargos

O homenaxeado chegou a Vigo en 1897 nos seus anos de madurez profesional. A sociedade burguesa viguesa –Manuel Bárcena (Conde de Torrecedeira) e os irmáns Yáñez– visita en París a Exposición Universal, e da man de Benito Sanjurjo coñece o arquitecto, a quen lle encargan varios proxectos na cidade olívica. En 1904 foi cando se produciu o traslado.

O proxecto conta co arquitecto Nacho Hortas, do estudio 04 Arquitectos, como comisario, mentres que María Guevara foi a deseñadora gráfica e Ángel Tourón o fotógrafo que amosa os segredos do creador.