Contracultura

Vanesa Iglesias Casal: "A través da arte quixen presentar Moncho Reboiras como referente para a mocidade"

Vanesa Iglesias Casal é comisaria, historiadora da arte e artesá da enmarcación en Casal de Creación. (Foto: Nós Diario)

Vanesa Casal (A Estrada, 1987) é comisaria da exposición A Semente de Vencer. 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras pola ditadura franquista. A mostra, dedicada ao histórico dirixente nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, reúne obras de 14 artistas que buscan manter viva a súa memoria e presentalo como referente á mocidade do país. Pódese visitar na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña até o 31 deste mes.

—A mostra inaugurouse en Compostela e chega agora á Coruña. Que cambios podemos ver nela?
Hai cartaces da época que lembran o asasinato, un poema escrito polo propio Reboiras, así como unha copia do parte da morte. Nel, sinalábase que había unha ferida de bala na cabeza, tentando dar a entender que se tratara dun suicidio, algo que se demostraría falso posteriormente. Ademais, a exposición está nun espazo museoloxizado, polo que as boas condicións para facer a mostra melloran a experiencia das visitantes.

—Pódenos falar un pouco das artistas participantes na mostra?
Participan 14 artistas. Tentei traballar con artistas comprometidas e comprometidos que estivesen achegados á causa, porque a carga emocional que implica  o proxecto é moi importante. A través da liberdade creativa, eu quería facer un tipo de comisariado á inversa no que os artistas creasen e, a partir de aí, eu poder facer a dedución sobre cal é a simboloxía que temos a nivel colectivo de Moncho e da súa loita. Hai imaxes que se repiten moito nas diferentes obras, como o bigote que Moncho usaba na clandestinidade, a estrela vermella ou a expresión Semente de Vencer, gravada con lume no ideario político nacionalista galego.

Que retos atopou á hora de combinar a arte plástica para comisariar un proxecto tan ligado á memoria política?
Foi un reto estético polo feito de tentar ligar a heteroxeneidade das pezas da mostra nun contexto museístico. Dar liberdade absoluta a creadores de diversos eidos –como pode ser o téxtil, o deseño gráfico ou a pintura– e xuntar as súas obras foi o que supuxo este reto. Pero tamén creo que este eclecticismo enriquece a proposta. Máis que un reto, foi unha moi boa achega. Eu tamén quería algo máis que retratos, e hai pezas que o son. Tamén é certo que hai unha proposta de Andrea López interesantísima. É unha obra dixital sobre como sería Moncho Reboiras se agora estivese vivo, con 75 anos. É unha peza moi importante sobre a que pivota a colección e que fecha a mostra. 

Que leccións podemos sacar do activismo político de Reboiras en 2025?
Hoxe é fundamental ter referentes e quixen facer fincapé niso coa mostra. Neste mundo capitalista todo é tan efémero que os referentes son superficiais e nada teñen que ver coas nosas necesidades reais. Quería presentar Moncho como referente para a mocidade galega. Estou moi agradecida por ter a oportunidade de achegar algo á memoria histórica da Galiza. É moi necesario ter eses referentes políticos e facer contrapeso antifascista desde os espazos que haxa dispoñíbeis.

—Que papel xoga a arte á hora de manter viva a memoria histórica?
É esencial, e sempre o foi. Unha cousa son as artes suntuarias e outra, a que fan os artistas comprometidos. Non é o mesmo. Nina Simone dicía que se un artista non fala do que pasa no mundo, non fai arte, só ruído. Pois hai que falar dos problemas de nosa época. Por iso sempre quero traballar con artistas valentes. A arte é política e sempre o foi.