Uxío Novoneyra: o poeta encarnado na supervivencia da fala
Onte soñei que volvía á casa de Parada do Courel. Xa sei que iso parece imposible pero soñeino. ¡Que lle vou facer! De neno, soñábame escalando o ceo sobre banzos invisibles ou soñábame como castiñeiro que ten as raíces presas na terra pero as súas gallas se estenden ata o infinito. Tamén soñaba, frecuentemente, con lobos
No soño de onte, collía un Taxi na Praza Maior, en Lugo, e viaxaba ata Parada. Atravesaba Galicia desde Lugo ao Courel por autovías de navallada enxeñeira. Resulta estraño, pero non recoñecería o país se os carteis da estrada non me indicasen que atravesaba o Regueiro do Cepelo [tan amado polo meu amigo Manuel María], a vila de Parga na que fixen o servizo militar ou as ladeiras de Doncos, onde sían os ventos. Non recoñecería nada. Era novembro pero ía calor. Moita calor. Nin pegada, nas terras mouras das montañas, de neve.¡Como me fascinou sempre a neve! Na casa de Parada, vía nevar desde a ventá que daba ao curral. A sombra ao outro lado permitíame ver as folerpas a través do fondo escuro. Se non ves nevar sobre a sombra, non ves a neve. O seu silencio proporciona un amparo de aillamento, como se non houbese ninguén sobre a terra. Pero no meu soño de onte, nin sequera as fontes grellaban, os carballos non tiñan mofo de humidade, o verde das pradeiras semellaba distinxido. Tampouco podía dicirse que o ceo fose azul infinito: era máis ben néboa aplastante, cembas de arandeiras secas, bouzas de grisalla. Mediaba o outono pero diría que era maio.
PARAR EN BECERREÁ
FOLE, OTERO, PIÑEIRO...
A miña poesía sería imposible sen ese lévedo. No primeiro libro que publiquei, Os eidos, en 1955, todo é auténtico e a autenticidade fixo dil o referente dunha nova forma de poesía: a anulación do persoal en favor do común e a fidelidade á terra en si. Ánxel Fole recibiu os meus versos como a declaración dun segredo con sabor a bravío e Otero Pedrayo escribiu que con Os Eidos quedaba sinalado no chan de Galicia, e no mundo da poesía, “un novo umbral”. O libro, publicado por Galaxia baixo a tutela de Ramón Piñeiro, foi canonizado de inmediato e permitiume ser famoso cando máis gusta selo: dos vinte e cinco aos trinta anos. A fama adormécenos algo, pero tamén proporciona unha base sólida sobre a que brincar cada vez máis alto.
Gustábame que o habitual tivese a capacidade de ser distinto. A terra cambiaba de repente na fluencia desbocada da auga
Aínda hoxe resulta pasmoso o estado que propiciou Os eidos, o que sentín e a dimensión emocional na que me instalei: Como conseguín salvar a distancia entre o home e a terra, entre o home e os outros seres. A terra fluía cara a min e estableceuse unha sensación de paraíso onde non había paraíso ningún, senón formas naturais. Non se trataba dunha comuñón relixiosa, dun panteísmo, pois a relixión e deus foran unha concepción superada na adolescencia. Tratábase unicamente da fe na sensación vivida. A terra é forma e nela está escrito algo que se nos segue a dicir, sen interrupción. En Os eidos, pasei ao outro lado, ao lado da terra, e alí atopeime co poema, que lle devolvín novamente a ela. O proceso desencadeouse en 1952 e foi tan profundo que durou o resto da miña vida. De feito, non volvín a publicar outro libro ata 1986, en que aparece Muller pra lonxe, editado pola Deputación de Lugo. Logo virían Poemas da doada certeza en Espiral Maior, no 1994, ou Arrodeos e desvíos, de 1998, publicado por Hércules, ademais dos caligramas, probablemente a achega que hoxe considero máis persoal dentro da miña obra a pesar de que no seu tempo, 1979, os caligramas foron considerados unha extravagancia máis de Uxío Novoneyra.
En "Os Eidos" pasei ao outro lado, ao lado da terra, e alí atopeime co poema, que lle devolvín novamente a ela
E alí ía eu, no meu soño, cara a Parada do Courel, sentado cun taxista que arrotaba constantamente polo trastorno estomacal dun café traicioneiro en Becerreá. Os soños xa eran en vida o meu motor e, polo visto, acompáñanme agora máis alá da morte. Talvez o pánico a non atopar o que un soña é maior có pánico de morrer, e eu sigo insistindo: un poeta é o que está sempre niso. Se un pobo soña a súa liberación, a liberación acaba por suceder. Se soño que volvo a Parada é que estou alí, encarnado na supervivencia audible da fala. Ti non tes máis que escoitarme... Non me oes?
Esta peza apareceu no Sermos Galiza nº 173, publicado a 26 de novembro de 2015.