A TVG dálle as costas á cultura

Pemón Bouzas, presentador de Eirado

Á desaparición de “Alalá” súmase o eliminación da grella de “Eirado”, “Heiche cantar, queridiña” e “No bico un cantar”. A TVG reduce a súa programación cultural, desatendendo a propia lei de creación que contemplaba como un dos seus obxectivos favorecer a “difusión cultural, intelectual e artística”. 

A CRTVG botou a tesoira sobre a programación cultural e tira da grella a maior parte de espazos dedicados á difundir a creación artística, musical ou literaria galega. A gadaña da compañía levou da programación o “Eirado” presentado polo xornalista e escritor Pemón Bouzas, un espazo dedicado á literatura, artes plásticas, espectáculos, música ou cinema Presentábase como “encontro dos artistas galegos de todas as disciplinas” e emitíase case cando o sábado estaba a piques de rematar. Deixa de producirse despois de catro tempadas. 

Despois da desaparición do programa de música tradicional “Alalá”, a CRTVG dálle un golpe de graza aos espazos centrados na nosa música ao eliminar “No bico un cantar” e “Heicho cantar queridiña”. O equipo de “Alalá” desaparecía da TVG despois de 210 capítulos dedicados á promoción da nosa tradición musical. “Quedan moitos músicos, grupos ou eventos de folk e de música tradicional de merecemento ós que non lles puidemos facer un Alalá, pero confiamos en que a música galega, como parte fundamental da nosa cultura, atope as plataformas necesarias para amosar a súa riqueza e formar parte da nosa vida cotiá” lamentaba o equipo a través do facebook no anuncio da súa recente despedida. 

Sen "No bico un cantar" nin María Solar 

Canda “Alalá” pasa á historia da TVG o programa “No bico un cantar”, un espazo que dedicaba cada capítulo a unha das cancións galegas máis populares. A Rianxeira, Negra Sombra, A Carolina, Unha noite na eira do trigo, Quen puidera namorala ou O Tren foron algúns dos temas que protagonizaron “No bico un cantar que revisitaba as distintas interpretacións e contaba coa colaboración de expertos e coñecidas persoas da cultura galega como Abe Rábade. López Calo, Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Neira Vilas ou Méndez Ferrín. De vez marcha tamén das emisións o programa musical “Heicho cantar queridiña” programa presentado por Lucía Pérez que mesturaba música e humor no que as cancións convivían coas intervencións de persoas da rúa. 

Nos cambios con respecto á programación cultural, a dirección da TVG despois de catro tempadas e varios premios recibidos decidiu deixar de contar coa xornalista e escritora María Solar na presentación do Zigzag. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega manifestou nun comunicado o seu pesar e a súa “gratitude e recoñecemento polo traballo que desenvolveu ela ao longo destes anos, e que foi premiado de maneira reiterada polo seu labor cultural e pola súa pluralidade e calidade na divulgación da literatura galega en concreto”.