Tropa do Carallo, o novo proxecto de Evaristo de 'La Polla'

Evaristo, nun concerto de La Polla Records, coa camiseta do Celta. (Foto: La Polla Records)
O cantante de orixe galega prepara a saída dunha nova banda, que xa ten confirmados algúns concertos e que se pode ver nos ensaios na súa páxina de Facebook. 

Evaristo Páramos é un nome de referencia (e reverencia) na historia do punk no Estado e mesmo alén das súas fronteiras. Vasco de orixe galega, cantante de La Polla Records, ultima os detalles do seu novo proxecto musical: Tropa do carallo. O músico fai con este nome unha nova chiscadela a Galiza.  O de Agurain sempre mantivo a súa ligazón co país de orixe: que coa súa pregonada paixón polo Celta, quer cos temas en galego con La Polla Records  -como "Demo do can"- ou quer coa colaboración con grupos galegos, como Skacha.

Malia que pouco se sabe deste novo proxecto, o certo é que o cantante xa confirmou dalgunha forma que é unha realidade ao incluír un apartado especial na súa páxina web. No sitio achega un teléfono e un correo electrónico de contacto e indica que "pronto" haberá "máis información".

En calquera caso, na páxina de Facebook da banda hai máis actividade e xa pendurou un vídeo no que se pode ver un ensaio. Tamén se fala da participación do conxunto na homenaxe a Boni, falecido guitarrista e cantante de Barricada, outro dos grupos daquela primeira fornada do que se dou en chamar Rock Radical Vasco..


Logo da banda compartido no seu perfil de Facebook

Segundo distintos foros especializados, xa existe algún concerto confirmado para Tropa do Carallo na que, aliás Evaristo, estarán Salgado, Abel e Tripi, de seguro nomes coñecidos para os segudiores de Evaristo, de La Polla Récords ou dalgún dos outros proxectos musicais dos que participou no pasado.