Trinta solistas de 15 países participarán no VIII Concurso Compostela Lírica
O Pazo de Raxoi de Compostela acolleu esta segunda feira a presentación da final do VIII Concurso de Canto Compostela Lírica. Nesta edición participarán un total de trinta solistas procedentes de 15 países na iniciativa organizada pola Asociación Amigos da Ópera de Compostela.
O acto contou coa presenza da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o presidente de Amigos da Ópera, Jesús Couceiro.
Louzao valorou que se trata dun evento xa consolidado na cidade no que “o talento galego ten a oportunidade de brilar”. Nese aspecto, expresou o orgullo co Concello pola traxectoria de voces que teñen participado en anteriores edicións, entre as que mencionou a Lucía Iglesias, Irene Zas, Lucas López e Gabriel Alonso Díaz.
Pola súa parte, o director xeral de Cultura celebrou o traballo realizado nestas oito edicións do certame e a súa utilidade como "altofalante para darlle voz e posibilidade de ir cumprindo fitos ás voces galegas".
O concurso, pensado para apoiar e difundir as carreiras incipientes no ámbito lírico de menores de 35 anos, contará con voces procedentes do Estado español, China, Cuba, Arxentina, Venezuela, Portugal, Suíza, Corea do Sur, Eslovaquia, República Checa, Suecia, Australia, Perú, Francia e Ucraína.
Amigos da Ópera repartirá 7.000 euros entre as voces gañadoras nuns galardóns que virán acompañados con diplomas acreditativos e con recitais remunerados. Deste maneira, o primeiro premio está dotado con 4.000 euros, cunha actuación coa Real Filharmonía da Galiza, cun recital no marco do Festival Les Musicales du Luberon e cun rol de tempada na Ópera de Oviedo.