Tintín aproxímase ao centenario na Coruña
Exposicións, artistas invitadas, conferencias e 38 casetas de editoriais e librarías especializadas dispostas no paseo dos xardíns Méndez Núñez conforman a edición dunha cita inaugurada en 1998 e que este ano contará cun protagonista de relevo: Tintín. O personaxe, un dos principais da historieta europea, creado polo controvertido Hergé, aproxímase ao centenario e fará 90 anos. Viñetas conmemórao cunha exposición monográfica no Pazo de María Pita: Mil raios! Tesouros dun tintinófilo, de Pedro Rey.
No Quisco Alfonso, un dos epicentros da feira da banda deseñada, haberá mostras Abel Alves, Isabel Greenberg, David Sala, Tony Sandoval e da poeta Yolanda Castaño, autora dos poemas do Puño e a Letra (Xerais, 2018), ilustrados por recoñecidos debuxantes galegos. O Palexco acollerá obra de Jorge Coelho, Albert Monteys ou Antonio Navarro.
Na sala Salvador de Madariaga as asistentes poderán ver as láminas de Canción para afundir flores no mar, de Oliver Añón, premio Castelao 2018. Na Dársena, Pinta ou debuxas?. E na Torre de Hércules, os cartaces de todas as edicións de Viñetas desde o Atlántico.
A maiores, entre a terza feira 6 de agosto e o sábado 10, o Quiosco Alfonso será escenario de numerosas palestras. Jorge Coello (18.15 horas) e Antonio Navarro (19.30 horas) falarán o 6 de agosto. O 7, Tony Sandoval (18.15 horas) e Isabel Greenberg (19.30 horas). O 8, Abel Alves (19.30 horas). O 9, Yolanda Castaño (18.15 horas) e Pedro Rey (19.30 horas). E o sábado 10, David Sala (18.15 horas) e Albert Monteys (19.30).
As sinaturas de libros nas casetas da feira serán habituais ao longo da semana do festival, que organiza a Concellaría de Cultura da Coruña para que a cidade “vista de cómic e contaxie do espírito da historieta”.