The Homens volven xuntarse dous anos despois para un concerto xunto a Samesugas

The Homens

A máis importante banda do power pop galego regresa puntualmente para ofrecer un concerto en Compostela nunha sesión vermú en plenas festas de Compostela. 

Ao tempo que dous dos seus principais compoñentes camiñan cara adiante co seu novo proxecto, Grampoder, dando os seus primeiros pasos e con disco xa na rúa, a banda máis relevante do power pop do país e un dos puntais do rock galego da pasada década e mesmo principios da actual volve subirse a un escenario dous anos despois da súa última aparición. The Homens regresan cun concerto puntual que terá lugar o sábado 27 de Xullo na sala Zona C de Compostela, nunha sesión vermú a iso do mediodía en plenas Festas do Apóstolo e nun evento no que tamén participará outro grupo mítico do punk e o garage de Galiza, Samesugas. 

Segundo os propios The Homens, tocarán en formato de trío e basearán o concerto sobre todo en temas da primeira época. “Levamos un par de ensaios e as sensacións son moi boas. Fáltanos ritmo de partido, esquecéronnos algunhas letras e xa non recordábamos como zumban os ouvidos despois dun entreno dos Homens. En fin, nada grave. Esperámosvos”, afirma a banda na súa web.