Tespis: o teatro e a resistencia que xeraron a cultura galega contemporánea

Acto de homenaxe á compañía teatral Tespis, onte no Teatro Colón da Coruña. (Foto: Eva Alonso)
Esta segunda feira tivo lugar na cidade herculina unha homenaxe á compañía teatral Tespis, un acto co que a Deputación da Coruña busca recoñecer a achega deste grupo á renovación das artes escénicas na Galiza. Nós Diario conversou con Francisco Oti, director da gala e autor do libro 'Tespis e o contexto teatral coruñés'.

A  historia do teatro na Galiza non se pode entender sen mencionar a cidade da Coruña dos anos sesenta e setenta, na que a resistencia cultural se deu desde os escenarios. No centro deste ecosistema atopábase o grupo Tespis e a figura de José Redondo, que foron homenaxeados esta segunda feira no Teatro Colón da Coruña, nunha gala institucional coa que a Deputación da Coruña busca recoñecer a traxectoria e a achega deste grupo á renovación das artes escénicas na Galiza. Redondo foi un director que, aínda sendo hoxe un descoñecido para o gran público, é recoñecido como o mestre fundamental por toda unha xeración de profesionais. "Moitísima xente do teatro profesional galego pasou por Redondo", afirma o investigador Francisco Oti nunha conversa con Nós Diario que debulla as claves dun fenómeno que transcendeu o puramente artístico.

O nacemento de Tespis no ano 1965, coa estrea de Sin querer de Benavente, non foi un feito illado, senón o resultado dunha traxectoria que viña de experiencias previas como os coros de Miguel Méndez ou o Teatro Estudio da Asociación Cultural Iberoamericana. Naquel momento, o contexto galego bulía con movementos que buscaban as fendas da censura oficial. Redondo, xunto a José Luis Fernández Caramés -moi vinculado co teatro universitario da cidade nos primeiros anos sesenta-, converteuse na cabeza visíbel dun proxecto que tivo que buscar acomodo nos lugares máis insospeitados. 

Comandante Fontanes e o salto ao galego

Unha das imaxes máis reveladoras daquela Coruña é a dos locais da franquista OJE (Organización Juvenil Española) na rúa Comandante Fontanes. Nese edificio, que albergaba o teatro Juan Cano, concentrábase, paradoxalmente, a vangarda cultural. "Era a única infraestrutura que había para poder ensaiar, co cal concentraba case toda a actividade cultural", explica Oti. Alí coincidían grupos de música como o de Luísa Villalta con compañías como Troula ou Trasno, que, malia estar baixo o paraugas dunha institución do réxime, exploraban camiños de liberdade creativa.

Esta asociación permitía a Redondo xogar unha estratexia de supervivencia e audacia. "Probabelmente estar no grupo da OJE permitíalle certas cousas, nadar entre dúas augas", sinala Oti ao lembrar que se montaban textos de autores exiliados como Juan de Araúzo ou se recuperaban pezas do teatro do absurdo de Mrozek, traducidas por Fernán-Vello. Era unha resistencia cultural que acabou converténdose nunha resistencia política.

Tespis foi tamén o espazo onde se fraguaron os primeiros pasos cara a un teatro galego profesional. Manuel Lorenzo, figura clave da escena nacional, comezou precisamente en Tespis, en 1965, dirixindo Sonata de espectros de Strindberg, A cantante calva de Ionesco e A derradeira cinta de Krapp, de Beckett. "Manolo Lorenzo comeza en Tespis, dirixe eses tres espectáculos e logo sae para fundar O Facho", relata o investigador, subliñando que practicamente todos os actores e actrices da Coruña da altura pasaron por Tespis ou polos grupos afeccionados e infantís que Redondo e o seu elenco coordinaban nos centros de ensino.

A evolución do repertorio foi abraiante. De facer teatro en castelán pasouse a incorporar textos fundamentais da literatura galega: "desde Beckett e Ionesco até Valle-Inclán, Cunqueiro e Blanco Amor". Tespis foi o primeiro en montar o teatro histórico de Daniel Cortezón con Irmandiños, unha montaxe na que participaron militantes de ERGA como Francisco Jorquera ou Quique Sanfiz. "Máis adiante, levaron a escena unha dramaturxia sobre poemas de Blanco Amor realizada por Manuel María, que mesmo estivo presente no escenario durante as representacións", lembra Oti.

A pegada de Redondo

Moito antes da creación do Centro Dramático Galego (CDG), Tespis xa exercía un papel institucional. En 1975, o grupo pasou a estar adscrito á Deputación da Coruña, converténdose no que Oti define como o primeiro grupo de teatro institucional dunha época previa á autonomía. "Antes de existir o CDG, Tespis xa cumpría esa función", afirma. Baixo esta condición, puxeron en marcha o programa 'Teatro nas Vilas', o antecedente directo dos circuítos culturais actuais, levando o teatro por todos os concellos da provincia.

A pegada de José Redondo no teatro galego non é só administrativa ou organizativa, senón profundamente artística. Francisco Oti destaca a súa capacidade como director, describíndoo como un home cunha habelencia asombrosa para a interpretación. "Redondo era un director mimético que obrigaba a facer o personaxe que o elenco tiña que facer... cunha capacidade asombrosa de poder interpretar cada un dos personaxes e mostralo para que os actores e actrices o copiasen mimeticamente", explica Oti citando recordos de Manuel Lourenzo. Esta metodoloxía, aínda que diferente á de outros directores da época como Alfredo Osset Casteleiro do Teatro Estudio de Ferrol, deixou unha marca profunda nos máis de 150 actores que pasaron polas súas mans. Nomes como Tuto Vázquez, Fely Manzano, Santi Prego, Fernando Morán, Víctor Mosqueira ou María Pujalte son só algúns exemplos dunha listaxe que conformou a base do teatro profesional na Galiza.

De feito, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, salientou na gala o carácter "colectivo e transformador" da experiencia de Tespis e definiuna como "unha traxectoria colectiva que deixou pegada na nosa cultura".

Unha homenaxe necesaria

A homenaxe organizada agora pola Deputación da Coruña non constitúe un acto de nostalxia, senón un exercicio necesario de recuperación da identidade. Francisco Oti insiste en que o radio de acción de Tespis chega até os nosos días, con profesores na ESAD que comezaron a súa andaina nese grupo. A recuperación de materiais do arquivo da Deputación e o reencontro de medio cento de persoas que pasaron por Tespis serven para pór en valor un traballo que, fóra da profesión, estaba esquecido.

"Paréceme non só interesante senón necesario, un exemplo que hai que seguir para recuperar a nosa identidade e non perder a nosa cultura, non perder o noso teatro, non perder o noso idioma", conclúe Francisco Oti, concordando en que Tespis non foi só un grupo de teatro: foi un pequeno exército de liberación que conseguiu que o teatro en galego comezase a funcionar como o dun país con voz propia.