Tania Fuegho acada un premio en Arxentina por un tema en galego

Tania Fuegho

A artista de Mazaricos, coñecida pola súa participación no Luar, vén de recibir o Premio á mellor Solista Feminina española da radiofórmula arxentina Elegidos45 por un tema en galego, 'Estrelas por compartir'. 

Esta radiofórmula arxentina outorga anualmente estes galardóns. Na mesma categoría que Tania participaban cantoras españolas como Malú, Rosa López e Vanesa Martín. Noutras categorías foron elixidos David Bustamante como artista do ano, ou Manu Tenorio como autor do álbum do ano. 

A listaxe Elegidos45 confórmase cada semana mediante o voto dos ouvintes de Radio Unyka, a cade de radio que emite desde Arxentina para Latinoamérica. Fuegho chegou ao número 1 co seu tema 'Estrelas por compartir', pero tamén entrou na listaxe coa canción 'Emigrante'. 

Fuegho deuse a coñecer con 18 anos no concurso da TVG 'Son de Estrelas', no que quedou de finalista. A partir de aí empezou a ser unha habitual en varios programas da cadea e desde 2012 é parte do xurado de Recantos no Luar. 

Fan confesa de Mónica Naranjo, ten publicado un maxi single chamado “Emigrante” con tres temas, producido por Pedro González (SemenUp e Amistades Peligrosas).  Agora está a gravar o seu primeiro traballo en español.