Sondeseu vístese de branco

.

“Danzas Brancas” é o título do novo traballo de Sondeseu. A Orquestra Folk de Galiza ofrece no seu cuarto disco temas tradicionais canda outros de nova composición, asinados por músicos como Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, Xaquín Xesteira ou Xosé Liz. Contou coa colaboración de Kepa Junquera. 

O branco é a cor do novo disco de Sondeseu, tamén da vestimenta dos seus máis de cincuenta músicos e músicas na imaxe coa que a orquestra promociona a súa cuarta gravación, un traballo no que se recollen temas tradicionais arranxados e outros de compositores vinculados á agrupación como Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz ou Rodrigo Romaní. 

“A música de Sondeseu é branca no seu cerne, quere ser forte nevarada e provocar sorriso, movemento, danza de folerpas enchendo o ar de líquida felicidade”, sinalan na presentación do novo CD que edita Fol Música/Boa Música e conta coa produción artística de Rodrigo Romaní. 

O tema tradicional con arranxos de Rodrigo Romaní, “Folerpas e Danzas br

ancas” abre un traballo que recolle outros temas de orixe popular como Insua, O Rillachavos, xotas de Cortellas, pasodobre das Anduriñas ou O Mandil, con arranxos de Quico Comesaña, de Berrogüetto. A trikitixa de Kepa Junkera é o fío condutor das rumbas de Marcial e Barciademera. O disco inclúe dous temas de nova creación, o “Sil Lenzo” de Anxo Pintos, canción realizada para SondeSeu sobre un poema que ten o río Sil como protagonista e “Rosa Desvairada” de Rodrigo Romaní, inspirada nun texto do poemario “Luz de mediodía” de Ramiro Fonte. 

Sondeseu é a primeira orquestra folk de Europa e naceu en Vigo en 2001, vencellada á entón Escola de Artes e Oficios e hoxe Escola Municipal de Música Fok e Tradicional de Vigo. Está organizada en diversas seccións que teñen como coordinadores a Rodrigo Romaní para arpa, Anxo Pintos en zanfona, Alfonso Franco en canto, Xavier Feijóo en bouzouqui e requinta, Xosé Liz en gaita e percusión e Xaquín Xesteira como coordinador de produción. “Mar de Vigo”, “Trastempo” e “Barlovento” son os seus anteriores traballos discográficos.