Somos celtas ou castrexas? Ou as dúas?
Para a décima e derradeira entrega do 5x2, a sección que creamos para conmemorar o V aniversario de Sermos Galiza,xuntamos Felipe-Senén, museólogo e arqueólogo, ademais de ex director do Museo Arqueolóxico da Coruña, con Pepa Rei, profesora de Prehistoria na Universidade de Santiago e especialista no mundo castrexo. O obxectivo é recuperar unha vella discusión que volve a nós a cada pouco: a posíbel orixe celta da nosa cultura. Deixamos aquí un extracto.
SG. Vostede diría que Galiza é un país celta?
Senén. Eu diría que visto así, na súa diacronía cultural, entendéndoo como un país do occidente atlántico que une a cultura a través dunha autovía que é o Atlántico, si. E ademais, na historia os romanos cando chegan aquí ven os outros e din: “non son coma nós, son célticos, ou son celtíberos”, e teñen ritos moi ao estilo oriental, de carácter mesmo grego, como visten, o que toman, etc. E ademais aparecen documentos arqueolóxicos, a Estela de Crecente, que está no Museo de Lugo, onde hai un tamarico que presume de céltico, é dicir, que entre os romanos presume de céltico. E logo na época medieval, no Libro das Invasións do século XII no que fala de Breogán, que parte de Brigantia, etc. Logo as lendas do ciclo artúrico están en Galiza, no Cebreiro, no Monte Pindo, que ese é o mundo céltico por excelencia. Como o propio Breogán que se cristianiza, e logo santiños populares galegos, panteístas moitos deles… E logo eu aí vexo unhas permanentes identitarias culturais que venden turisticamente moitísimo. Despois, nese mundo protohistórico hai uns elementos moi propios. A nosa cultura dos castros, tan romanizada, é unha cultura moi particular, moi semellante ao dos hillforts ingleses. E hai unha etnoarqueoloxía viva moi particular, moi identitaria nosa procedente dese mundo chamado occidental atlántico ou, entre aspas, mundo céltico.
[Podes ler o debate íntegro no Sermos Galiza 252 á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]