O Simposio Luísa Villalta busca novas lecturas da poeta

Romaní, Villalta, Arias, Freixanes, García e Ledo, na primeira xornada. (Foto: RAG).
Relatorios e faladoiros analizan a protagonista das Letras Galegas.

Case rematando o Ano Luísa Villalta, a Real Academia Galega abriu esta terza feira o Simposio "Luísa Villalta. Mil son eu tan só, tan soa". A Fundación Barrié acollerá até esta quinta feira varias mesas redondas e relatorios con novas lecturas da protagonista das Letras Galegas 2024 cuxa literatura, segundo afirmou  a poeta Eva Veiga na xornada inaugural, "é un desexo permanente de comunicar, un espazo de transformación non só de si propia, senón tamén da sociedade e do mundo". 

O primeiro día finalizou coa proxección das fotografías de Maribel Longueira sobre o derrubamento do Papagaio -o antigo barrio coruñés da prostitución- para as que Villalta escribiu unha serie de poemas no libro homónimo, "quizais a máis contemporánea das súas obras", valora a escritora e profesora Rexina Vega, que tamén participou no programa desta terza feira.

Tras a súa intervención, Maribel Longueira guiou o público na exposición sobre este proxecto compartido que se pode ver na sede da asociación cultural Alexandre Bóveda até mañá, e que posteriormente irá a Santiago de Compostela. 

Esta cuarta feira será a quenda de relatorios que presentará a académica Fina Casalderrey e nos que a filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela afondará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, na súa obra dramática.

Deseguido a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés comporán unha mesa redonda, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que reflexionarán sobre o feito de ler a Villalta. A segunda xornada concluirá coa actuación musical de Uxía.

Esta quinta feira os relatorios chegarán da man de Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar García Negro e haberá unha mesa redonda con Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello, e fará de moderador Cesáreo Sánchez Iglesias.