Entrevista

Simon R. Doubleday, profesor de Historia na USC: "Galiza era importante para Afonso O Sabio desde o punto de vista económico"

O profesor Simon R. Doubleday, este 18 de setembro, na Facultade de Xeografía e Historia da USC. (Foto: Arxina)

A Facultade de Xeografía e Historia da USC acolleu onte a presentación da edición galega de O Rei Sabio. Un príncipe cristián, a Iberia musulmá e as orixes do Renacemento, ensaio do profesor Simon R. Doubleday, colaborador en Nós Diario e, desde hai pouco, afincado na Galiza.

—Antes de nada, gustaríanos felicitalo polo seu novo libro, que é unha segunda edición vertida ao galego. Porén, sobre este asunto trataremos máis tarde, pois gustaríanos coñecer primeiramente quen é Simon Doubleday. Onde naceu e cales son as súas orixes?
Eu son de Inglaterra. A miña nai era da raia inglesa-galesa e identifícome moito con aquela zona fronteiriza. A ela encantáballe Galiza, como a min, porque se asemellaba moito a esa fronteira, polas súas paisaxes, a calidade das relacións humanas, a importancia da cultura agraria. Agora, vivindo nunha aldea pequena de doce casas habitadas no concello de Padrón, enténdoo máis que nunca.

—Formado nas universidades de Cambridge e Harvard, de onde lle vén a vostede o interese pola historia ibérica?
Vin de viaxe a Madrid con quince anos, nos oitenta. Desde aquel intre decateime de que a península ía ser sempre un imán para min. Aprendín o castelán e, con dezasete anos, pasei unha semana en Salamanca. Aínda lembro moi ben escoitar nun acto da facultade a Miguel Delibes no que non collía máis xente; ficamos moitos nunha fileira de persoas na rúa, mentres nevaba. Cinco anos despois, instalado en Harvard, colaborei na elaboración dunha guía de viaxes para mochileiros titulada Let’s Go, que se editou alí na universidade. Eu encargárame do norte da península Ibérica, desde Asturias até Aragón, e non facía máis que viaxar, nos trens, nos autobuses e mesmo nun camión de correos nos Perineos. Esa experiencia ofreceume unha mirada da xeografía moi útil, que me foi de moita axuda cando redactaba a miña tese de doutoramento sobre unha familia aristocrática medieval que tiña influencia en Castela, León e Galiza. Hai que vivir os lugares, como tamén dicía o profesor Bernard Reilly, para entender a xeografía que tanto condiciona a historia.

—Vostede foi até non hai moito profesor na Hofstra University de Nova York. Cal é o resumo desa etapa na súa vida?
Vivir na cidade de Nova York, coa súa creatividade e enerxía, foi todo un privilexio, como tamén o foi ensinar na Hofstra University, da que sempre me sentirei profundamente agradecido. O alumnado estaba sempre aberto a campos diversos do coñecemento, mesmo a materias descoñecidas como o foi para eles a historia medieval de Europa. Agora vivo noutro contexto, pero non o entendo como unha fuga, senón como unha etapa emocionante —e seguro que permanente— que se abre aquí na Galiza.

—Acaba de citar Bernard F. Reilly, unha figura fundamental para os estudos medievais nos Estados Unidos. Que supuxo para vostede traballar con el?
Hai uns cinco anos Reilly escribiume unha carta completamente inesperada coa intención de convidarme a rematar un manuscrito que estaba a desenvolver sobre Fernando I. Aos dous días xa decidira introducirme nese camiño. Isto foi a orixe do libro León and Galicia under Queen Sancha and Fernando I, que se publicou en 2024 e vai saír en galego o ano que vén. Como dis, Reilly foi un founding father dos estudos medievais en Norteamérica, e os historiadores e as historiadoras estamos moi en débeda con el. As súas biografías sobre Urraca e Afonso VI son imprescindíbeis. El comentárame: “Ti fai con este manuscrito o que queiras, pero este traballo non se pode perder!”.

Desde o principio, no seu manuscrito sobre Fernando I quería facer fincapé no papel protagonista da Galiza. Estaba convencido de que o foco histórico ficaba no noroeste, e non en Castela, até finais do século XI.

Reilly posuía un coñecemento das fontes orixinais que foi case único nos Estados Unidos. Foi unha colaboración que seguía aínda despois da súa morte no ano 2021. Nos anos sesenta vivía na Rúa Nova de Santiago de Compostela. Aínda que se queixaba moito do frío e da desorganización dos arquivos, encantáballe esta cidade. Desde aquí escribiu a súa tese sobre Diego Xelmírez e a Historia Compostelá.

—Mais, con todo, engadiu vostede algunhas dimensións novas ao libro?
Si, ao redactar o libro fixen unha serie de cambios substanciais respecto do manuscrito orixinal. Un deles foi prestar moita máis atención ás cuestións de xénero e ás novas interpretacións sobre o funcionamento da monarquía na Idade Media. Como todas as mulleres da familia real, Sancha tiña certo capital espiritual na monarquía, entendida esta como unha rede de poder moi extensiva, e non só como unha institución liderada por un rei. O papel cultural da raíña no ‘matrocinio’ dunha serie de manuscritos de luxo encobre a violencia endémica do réxime do seu marido, Fernando I, anteriormente conde de Castela. A chegada deste ao trono de Galiza-León foi moi conflitiva, e os primeiros anos do seu reinado resultaron especialmente violentos.

—Onte presentou na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia, a edición galega de O Rei Sabio: Un príncipe cristián, a Iberia musulmá e as orixes do Renacemento. Que supón para vostede este acto?
Foi un honor enorme. Agradézolle moitísimo a Helena de Carlos esta iniciativa; o mesmo Afonso O Sabio estaría tamén emocionado por saír en galego. Interviñeron Juan Blanco, director do servizo de publicacións da USC, e o vicerreitor da mesma universidade, Gumersindo Feijóo. E, aínda que non participou, si estivo presente o tradutor Miguel Giadás Quintela, con quen estou en débeda.

—Sen ánimo de que nos descubra os contidos da obra, desenvolveu O Sabio unha política favorábel para Galiza ou mirou máis para outras latitudes?
Os anos da súa infancia que pasou na Galiza influíron moito nel. Ao estar en contacto co galego, era natural que as Cantigas de Santa María, e tamén as cantigas profanas, fosen compostas neste idioma. Ademais, o galego foi empregado como lingua na documentación oficial polos notarios reais de Galiza durante este período. É certo que durante o seu reinado nunca volveu á Galiza como rei, en parte porque entendía que este territorio pertencía sobre todo á nobreza e á Igrexa; sentíase moito máis a gusto en Sevilla. Porén, Galiza era importante para el desde o punto de vista económico: por exemplo, os impostos foron fundamentais para sufragaren as campañas militares no sur peninsular e no norte de África, e para intentar conseguir a titularidade do Sacro Imperio Romano Xermánico.

Mais o libro vai moito máis alén dos temas políticos. Máis que nada, pretende ofrecer un retrato íntimo dunha persoa do século XIII. Hai capítulos por exemplo sobre o amor; sobre o seu papel como pai; sobre as súas amizades e a traizón do seu mellor amigo, Nuño González de Lara; sobre a ira, o enfado, e a importancia cultural de poder controlala.

Gustoume moito escribir o capítulo sobre as curacións, tanto médicas como musicais e espirituais. Busquei explorar a súa psicoloxía e o réxime emocional da época. Por conseguinte, coido que é unha obra atípica: non se trata doutra historia celebratoria dun grande home, senón dun ensaio sobre as emocións humanas en tempos moi difíciles.

—Ademais de falar e escribir no noso idioma, resulta agora que pasa a impartir docencia na Universidade de Santiago de Compostela. Que lle falta para ser cen por cen galego?
Si, agora mesmo teño a sorte de ter unha praza de Profesor Distinguido “Beatriz Galindo” na Facultade de Xeografía e Historia. Vou impartir docencia, como dis, e tamén implicareime moito na investigación. Estou afiliado ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac) e, ao mesmo tempo, son membro do grupo de investigación EcoPast, que dirixe Olalla López Costas. Agora estou a comezar a desenvolver un proxecto sobre as mulleres medievais nas costas atlánticas, desde Portugal até Inglaterra, incluíndo Galiza. 

Para ser cen por cen galego, teño que mellorar as miñas capacidades nesta lingua. Esta semana xa comecei na Escola Oficial de Idiomas. Tamén debería mellorar as miñas habilidades para pelar lagostinos...

A historia deixa a óptica centralista

Capa do libro de Doubleday.

Galiza está a desenvolver un revisionismo do mellor tipo. A historia centralista comeza a mudar: velaí os traballos de Anselmo López Carreira e Xosé M. Andrade Cernadas, por exemplo. Neste senso figuran tamén os traballos de investigación divulgativos distribuídos por Nós Diario. Asemade, paga a pena mencionar os excepcionais traballos de investigadoras de fóra como Janna Bianchini, Lucy K. Pick e James D’Emilio.