IGNACIO VILAR, DIRECTOR DE CINEMA

“Sicixia é un diálogo entre o documental e a ficción”

Ignacio Vilar cos dous protagonistas do filme, Monti Castiñeiras e Marta Lado, nunha das localizacións

Ignacio Vilar e o seu equipo comezaron onte a última parte da rodaxe de 'Sicixia', un filme protagonizado por Monti Castiñeiras e Marta Lado no que a propia Costa da Morte é un personaxe central. Estrearase a finais de ano nos cinemas.

- Por que Sicixia?
- Sicixia prodúcese cando a terra, o sol e a lúa están en liña recta. E fíxate que hoxe [por onte], que empezamos a rodar, é sicixia, é lúa chea, e o filme fai honor a esa conxunción dos tres astros. Cando estás na Costa da Morte os astros inflúen en nós, nos personaxes e nos océanos. O título ten moito que ver con esta zona e coas personaxes.

- É unha historia de amor na fin do mundo, non é?
- É un diálogo entre o documental e a ficción. E na ficción hai unha historia de amor e desamor. O protagonista é un enxeñeiro de son do Arquivo Sonoro de Galicia, que está no Gaiás, e ese arquivo desde hai anos recolle toda a riqueza dialectal do noso idioma. A el encárganlle recoller os sons na Costa da Morte. Para min iso é o que poderíamos chamar documental, porque van participar persoas de distintos lugares da comarca, porque eles non só nos van trasmitir os seus acentos senón tamén que é a Costa da Morte. Os personaxes interrelaciónanse con eles e vai haber un diálogo entre ficción e realidade. Por exemplo, van participar varias señoras do Ézaro que ían vender o peixe de madrugada cando eran novas, cargadas con quilos e quilos na cabeza. 

"A Costa da Morte é a gran protagonista"

- Toda esta xente conta a súa historia real...
- Si, e interrelaciónase coa ficción. 

- A Costa da Morte é un personaxe máis entón...
- Si, é a gran protagonista. E o son. Eu cando pasei aquí seis meses, preparando o guión, confirmei que a imaxe é impresionante, iso todo o mundo o sabe, pero o son é o que máis me chegou. E cando escitei por primeira vez a pedra de abalar quedei abraiado. A xente aínda vai en pergrinación a escoitar abalar a pedra. A propia Rosalía foi, está confirmado. Foi uns días coa súa amiga Eduarda Pondal, irmá do poeta, á Virxe da Barca. E houbo unha peste de tifo e tiveron que estar illadas durante dous meses. E debeu escoitar a pedra de abalar, porque aquel que a escoita creo que o inflúe, porque ese son da natureza, tan unido á terra e ao mar, queda aí. Tamén che falo do son da cova da Xoana no Monte Pindo. E esas variedades dialectais tan ricas do noso idioma, eu creo que teñen que ver coa natureza e cos sons da natureza que vive esa xente. 

"O noso obxectivo é lograr captar todo o que nos está transmitindo a Costa da Morte e a súa xente"

- É un guión orixinal teu, non?
- Si, aínda que participaron máis persoas.

- Hoxe reanudades a gravación, que comezou o verán pasado na rapa das bestas de Sabucedo, e remataredes a rodaxe o 25 de marzo. Estará lista para novembro, non?
- Se todo vai ben estrearemos o 21 de novembro. É unha boa data porque ese día tamén estreamos 'A Esmorga'.

- Logo do éxito da Esmorga, a distribución será máis doada, non?
- Nós distribuimos directamente e negociamos nós. Todos os filmes que fixemos até o de agora foron negocio para os cinemas, así que iso ábreche as portas porque se todos ganamos, é ben para todos. E eu creo que o noso cine, o cine en galego, como demostrou 'A Esmorga', pode dar beneficios a moita xente, incluídas as salas de cinema.

- O filme está gravado en dixital, non?
- Si, este filme sería imposible en cine. Porque o dixital permite un equipo reducido, cunha cámara que podes ir de interior a exterior sen ter que iluminar. Un equipo de cine tamén lle quitaría a frescura á xente que non é profesional, nós intentamos que a cámara pase desapercibida, e iso dácho o dixital. O noso obxectivo é lograr captar todo o que nos está transmitindo a Costa da Morte e a súa xente.