Sicixia alcanza a súa cuarta fin de semana en cartaz 

Un fotograma do filme

O último filme de Ignacio Vilar mantén moi ben o tipo e alcanza xa a súa cuarta fin de semana nas salas comerciais. Faino competindo con solvencia face superproducións de Hollywood como Aliados ou filmes españois de tronío como La Reina de España.

Sicixia vaise proxectar esta fin de semana en 6 salas comerciais galegas e nunha do resto do Estado. En concreto son as seguintes: Os Cantóns e As Roseiras, A Coruña; Xunqueira, Cee; Cines Compostela e As Cancelas, Santiago; Abella, Lugo;  Aragó Cinema, Valéncia.

Catro semanas de permanencia en cartaz non está á alcance de calquera filme nun contexto tan marcadademente competitivo como a exhibición cinematográfica e de facto a última fita de Vilar non só compite, senón que mesmo se impón nalgunhas salas a criaturas de Hollywood como Aliados, con Brad Pitt e Marion Cotillard como reclamos, e tamén a La Reina de España, o retorno de Fernando Trueba detrás da cámara con Penélope Cruz como estrela.

O galego non só mostra a súa rentabilidade comercial no país, senón que mesmo fóra, sintomaticamente nos Països Catalans, especialmente sensíbeis á realidade plurinacional e plurilingüe do Estado, mantense en cartaz após catro semanas, nunha sala de Valéncia. Vía Láctea Films, produtora da fita, entende que isto demostra que "o idioma non é barreira, senón un elemento fundamental, para compartir con espectadores alleos á nosa cultura a riqueza do noso patrimonio".

Nota de Sermos:  Esta noticia foi emendada ás 13.53 horas porque por un erro, na primeira versión desta noticia, se deu conta de que o filme se mantiña tamén en cartaz nun cinema de Barcelona.