Sés reivindica a canción como xénero no seu libro-disco 'Nadando na incerteza'
O disco-libro de María Xosé Silvar, Sés, que saíu á venda o 28 de novembro, presentouse publicamente esta quinta feira na tenda de discos Rockbox, en Vigo. Tras a rolda de prensa, a cantante asinou exemplares durante a tarde. Ademais das cancións, este formato contén textos introdutorios de cada unha das cancións. "Non se trata de meras explicacións, senón de disertacións que, na meirande parte dos casos, inclúen tamén pezas ou pasaxes de algún autor ou autora que me guste ou que quero achegarlle á xente", explicou a artista na presentación.
Sés escolleu o formato de libro-disco por varios motivos. En primeiro lugar, a intención de "ofrecer algo de verdade" na comercialización do CD físico, alén dun obxecto de coleccionista, que, opina, é o que representa hoxe en día un disco ou un vinilo, ao haber plataformas dixitais. En segundo lugar, quería facer algo similar, por escrito ás profundas introducións dos temas que realiza durante os seus concertos, dando lugar a un proceso de escritura que lle xerou "un pudor extremo" polo formato de escritura que supón un texto escrito fronte a unha canción. Ademais, os textos levan consigo unha reivindicación lingüística, un exercicio de normalización, pois este (o CD- libro) é un formato escaso en artistas en galego, pero si visto no caso de músicos hispano ou anglofalantes.
Este traballo, explicou, responde a unha "necesidade, como consumidora de fuxir da saturación da sobreprodución dada na música actual", e reivindicar, fronte a esta tendencia, "a canción como xénero", que asegura que está "nun mal momento". Porén, no eido letrístico, trátase de cancións "máis actuais", que nacen, como o seu título indica, na incerteza que provoca o "cambio de paradigma a nivel político-social e humano", aludindo, tamén, ao "trauma" interno que lle provoca atoparse entre xeracións. Define o momento actual como "un surco, como explicaba Gramsci, nun punto de inflexión da historia, no que o vello mundo non acaba de morrer e o novo mundo non acaba de nacer". O proceso compositivo responde tamén a unha "visceralidade" que, di, caracterízaa.
En canto ao musical, trátase dun disco gravado por Tito Calviño, con Irahi Afonso ao cargo dos instrumentos de corda, que son abundantes nas melodías deste traballo. Inclúense sons como o do cuatro venezolano, do charango, do guitarrón mexicano ou o do timple canario. Tamén contou coas percusionistas Sabela Galván e Mayfer Pinto.
Preguntada na rolda de prensa pola situación das mulleres na industria musical, foi clara: "No escenario estivemos sempre, pero como compositoras, produtoras ou instrumentistas seguimos no mesmo lugar que hai 50 anos. Todo o mundo pode nomear produtores ou guitarristas famosos, pero non pode mentar dez produtoras ou dez guitarristas mulleres".
O primeiro cancioneiro
Ademais do disco, Sés vén de sacar á luz Mentres quede corazón, o seu primeiro cancioneiro, que agrupa todas as letras escritas en década e media de carreira musical e lírica. A cantante coruñesa reivindica esta obra como "necesaria" para "o ámbito galego e o ámbito feminino", incluíndo presenza feminina "no terreo no que o intelectual impera", e non só "no que o entretemento impera", sentenciou.
O traballo musical contará cunha xira que suma, polo momento, cinco datas no noso país, comezando o vindeiro 10 de xaneiro no Teatro Colón da Coruña, no que tiveron que habilitar xa unha segunda data debido á boa acollida do público.
Ademais, segundo informou, esta xira continuará con novas datas por Galiza e o do Estado que serán anunciadas proximamente. A respecto disto, Sés declarou na rolda de prensa que desfruta de todo tipo de escenarios, e rexeita o "clasismo de menosprezar algúns lugares e audiencias máis reducidas", pois, como comentou, desfruta de "calquera escenario en que a xente estea escoitando e desfrutando do que fas". Afirmou, porén, que os seus lugares preferidos para cantar son os teatros, polo goce que lle suscitan estes espazos, "combinan co meu carácter clásico" explicou, e o estudio de gravación.