A Semana de Filosofía explora o nexo entre alimento, corpo e vida natural: "Somos seres corpóreos, dependemos da nosa contorna"
A alimentación, con todas as súas implicacións éticas, políticas, sociais, culturais, antropolóxicas, ambientais e económicas, centrará unha nova edición da Semana Galega de Filosofía, que se terá lugar en Pontevedra entre o 6 e o 10 de abril.
De novo, un debuxo de Castelao ocupa o espazo central do cartel que anuncia as xornadas. A escena revela unha conversa entre unha parella de mariñeiros novos, ela e el sentados nas pedras, de costas ao océano: "A fame mete máis medo que o mar", di o mozo. A escaseza de alimento, o bloqueo, a repartición desigual, a inseguridade alimentaria serán asunto para a reflexión nunha nova edición do encontro, a número 42, promovida pola Aula Castelao de Filosofía.
'Filosofía e alimento' é o nome dunha semana que convida a reparar na mesa, no prato, na comida. No que comemos e no que non, onde e con quen o compartimos, con que desexo real e con que resultado final. O motivo desta escolla para achegar a filosofía á cidadanía e acrecentar o pensamento arredor do consumo, do propio corpo e da súa comuñón coa contorna natural radica na "actualidade", máis tamén no carácter "orixinal" dun tema que atinxe a cidadanía galega e o conxunto da humanidade. "A cuestión da filosofía e o alimento entronca directamente co que nos une ao mundo", resumiu o presidente da Aula Castelao, onte, na presentación da XLII Semana Galega de Filosofía.
"O alimento é o cordón umbilical que nos une á terra", sinalou Alexandre Cendón, "o contacto directo entre o individuo, as sociedades e o mundo que nos circunda, por iso pensamos que é un elemento primario, de grande importancia, que nos leva a reflexionar sobre el".
O Teatro Principal de Pontevedra volverá ser o escenario da Semana Galega de Filosofía, que un ano máis manterá a súa estrutura habitual, unha programación artellada en tres bloques de conferencias por xornada para reflexionar sobre a materialidade da nosa propia existencia, sobre a cultura do consumo inmediato e o seu impacto nas vidas e no planeta.
Pensamento
'Pensar o alimento' é o reclamo que dá coherencia ás conferencias que, en horario de mañá, prometen unha maior profundidade filosófica. Matías Bruera, profesor investigador da Historia das Ideas na Universidade de Bos Aires e na Universidade Nacional de Quilmes, será o encargado de abrir o encontro arredor do alimento e a filosofía o día 6 cun relatorio que leva por título 'O discreto encanto do devorante', en palabras de Victoria Pazos, da Aula Castelao, "unha chiscadela a Buñuel" para disertar "sobre o comer nos seus múltiples vínculos co discurso, coa palabra, coa convivencia social e coa escena política".
'Ontoloxías do comer', a cargo da filósofa e escritora chilena Valeria Campos, servirá para afondar o en como a comida ten unha importante función constitutiva do sentido que lle damos á nosa existencia, mentres que as achegas de María José Guerra Palmero, catedrática de ética e filosofía política, abrirán o debate sobre soberanía e xustiza alimentaria desde unha aproximación ecofeminista. A profesora de filosofía Marta Tafalla exporá unha proposta filosófica sobre as razóns éticas e ecolóxicas que ao longo dos séculos avogaron por dietas veganas fronte ao consumo de animais. O día 10, a doutora en filosofía Gabriela Berti, fechará o ciclo matinal, co relatorio 'De Epicuro o diagrama proteico: micropolíticas do prato', un achegamento ás dietas de moda para "facer unha distinción entre alimentación e gastronomía e revelar as razóns biopolíticas das dietas", destacou Pazos.
Alimento e país
As sesións de tarde virarán a mirada cara ao país. 'Galiza e alimento' propón un percorrido pola historia social, económica, gastronómica, literaria e medioambiental. "É unha aposta decidida polo pensamento galego dende Galiza, por autoras e autores galegos", destacou Anxo Xoán Raxó, quen avanzou a presenza de Alba Díaz Geada, da USC, cun relatorio sobre a transformación da sociedade rural galega após o golpe de 1936 e o lugar que foron ocupando a fame, o pan, a comunidade ou o autoconsumo; do historiador Xavier Castro, que analizará as novas perspectivas sobre a sociedade, a alimentación e a historia das mulleres na Galiza; do crítico literario Armando Requeixo, que fará repaso da literatura gastronómica de Cunqueiro; do presidente da Fundación Galicia Verde, Enrique Banet, para abordar "a nutrición do corpo e a mente con hábitos saudábeis baseados na sabedoría ancestral", e da doutora en Historia Económica Luísa Muñoz Abeledo, que centrará o seu discurso no traballo feminino.
Ser e comer hoxe
As conferencias nocturnas, máis didácticas e abertas a todos os públicos completan o programa baixo o epígrafe 'Alimento hoxe', cuxo contido adiantou Alba Peinado, con relatorios que explorarán a fame como arma de guerra, a cargo da xornalista Teresa Aranguren, atenta ao exterminio da poboación Palestina en Gaza; a relación entre comida, desexo e sexo, por Mónica Novas; a transformación do gusto e a construción das identidades culinarias, coa axuda do neurocientífico galego Javier Cudeiro, e a alimentación "como feito cultural total", a cargo da catedrática de Antropoloxía Social Mabel García Arnaiz.
"Somos seres corpóreos", concluíu Alexandre Cendón. Por máis que "nos disfracemos e esteamos distraídos con múltiples cuestións ideolóxicas, non deixamos de ser animais que dependemos da nosa contorna".
Cultura, filosofía e xustiza social
Javier Sádaba, filósofo e escritor, será o encargado de pronunciar a lección de clausura da Semana Galega de Filosofía. O pensador ten "unha traxectoria de compromiso continuo coa sociedade que lle tocou vivir, defendendo sen descanso o pacifismo, a liberdade, o internacionalismo solidario e a xustiza social". Así, salientou Peinado, "analizará os distintos significados da palabra cultura e a necesaria interrelación que debe de haber entre filosofía e cultura". Será, concluíu, unha homenaxe á súa traxectoria vital e intelectual.